Sin categoría

Gondomar, Nigrán e Baiona celebran un ano máis a Festa da Bicicleta do Val Miñor

Esta mañá no Concello de Gondomar presentouse a 33ª edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor, que se celebrará o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Ao acto de presentación acudiron os alcaldes de Gondomar e Nigrán, Paco Ferreira e Juan González, así como os concelleiros de Deportes de Gondomar, Baiona e Nigrán, Nuria Lameiro, Andrea Pérez e José Luis Sanromán, acompañados de colaboradores e representantes das Policías Locais dos tres concellos da comarca.

As inscricións e entrega de dorsais realizaranse nos respectivos puntos de saída de cada municipio con 40 minutos de antelación co único requirimento de ser maior de 7 anos, contar con bicicleta propia e levar casco. Así, en Gondomar partirán ás 10:00 horas desde a Praza Paradela, en Nigrán ás 11:00 horas desde o Pavillón de Panxón e, en Baiona, tamén ás 11:00 horas desde o Parque da Palma. Todos os participantes dispoñerán de seguro de accidentes e responsabilidade civil.

A marcha de Gondomar acudirá a “recoller” á de Baiona para despois coincidir na rotonda da Ramallosa coa de Nigrán e, desde alí, pedalear as tres xuntas pola PO-340 cara á Praza Paradela, onde ás 13:00 horas aproximadamente rematará con sorteo de agasallos e avituallamento. No acto de presentación tanto o alcalde de Gondomar Paco Ferreira, como o de Nigrán, Juan González, destacaron a importancia dun evento que chega xa á súa 33ª edición e que cada ano supera o anterior en número de participantes.