
Na noite de onte, ás 23:58 horas, varios viandantes observaron como un individuo, conducindo un camión, remontaba a beirarrúa na Avenida de Castrelos, ata case chocar cunha vivenda. O aludido logrou baixar o vehículo do bordo, mostrando dificultade para manobrar, retomando a marcha e chocando cun poste de formigón ao que causou danos. O condutor, apeouse, abandonando o lugar a pé, comunicando os transeúntes inmediatamente os feitos á Sala de Comunicacións do 092.
Unha patrulla próxima interceptou ao condutor, que foi sinalado polos requirentes, resultando ser I.V.F, de Nigrán e 46 anos de idade. Os axentes comprobaron que presentaba claros síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas. Por este motivo procederon a realizarlle as probas preceptivas de determinación do grao de impregnación alcohólica, lanzando estas un resultado positivo de 0,56 e 0,52 mg/l de alcol por aire expirado.
A maiores, previo cotexo dos seus datos, pescudaron que carecía de calquera permiso de condución. Por último, realizaron xestións co titular do camión, que manifestou que un traballador estacionárao no aparcadoiro da empresa e que o individuo non pertencía ao persoal, e que por tanto non estaba autorizado para facer uso do vehículo. Por este motivo procederon á súa detención pola suposta comisión dun delito de furto de vehículo de motor, co agravante de delito contra a Seguridade Viaria.