Máis de 100 veciños e veciñas de Borreiros concentráronse este venres ante a Gardería-Escola Infantil San José para reclamar a construción de beirarrúas desde o cruzamento de Telleiro ata a ponte románica da Ramallosa, que acaben co risco de atropelo nunha estrada cada vez máis transitada e perigosa. “Conseguíronse centos de firmas de veciños e usuarios, fixéronse moitas reunións, pero os anos pasan e o Goberno Municipal nin sequera expuxo un proxecto, sensato e viable, para as beirarrúas”, sinalan desde a Plataforma Veciñal.
Piden que se realice un proxecto cunha senda peonil cun ancho axeitado e segundo as circunstancias de maneira “urxente”. “Como se propuxo nun primeiro momento, co arquitecto Pedro Souto, a senda podería ser de 1,5m de ancho, onde se poida, e mesmo algo menos, se non se pode. O ancho de cada carril, para os coches, sería de 2,5m. Desta maneira, os veciños e terreos afectados serían mínimos e moi puntuais”.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, afirma estar “totalmente de acordo” coa necesidade de construír beirarrúas na estrada de O Telleiro ata Ramallosa “Proba diso, é que levamos tempo traballando na procura de financiamento para a súa construción, e xa redactamos unha primeira memoria valorada, que foi presentada ante a Deputación de Pontevedra para a concesión dunha subvención no Plan Ágora, e que obtivemos en decembro do 22, para a redacción do proxecto final que agora se está redactando polo arquitecto, Pedro Souto, consistente na construción dunha senda peonil e ciclable na pista das Lestas que inclúe o estudo integral de itinerario peonil entre o paseo marítimo do Miñor e a senda da PO-340”.
O rexedor lembra ademais que en varias ocasións “reunímonos con veciños e movemento asociativo para tratar e informar detalladamente os avances obtidos, así como da necesidade de proseguir en procura de axuda económica externa doutras administracións e que roldaría en máis de 2 millóns de euros, así como a cesión dos terreos por onde discorrerá a mesma”. Con todo, desde a Plataforma Veciñal advirten que a “memoria” que se presentou á Deputación é para a construción dunha Senda Fluvial no Miñor e para adecuar a Pista das Lestas. “Isto non é das primeiras necesidades que temos en Borreiros. Por aí non pasan os coches. Isto non é na estrada entre o Cruzamento de Telleiro e A Ramallosa. Non é o que demandamos”.
“A nosa demanda -continúan os veciños-, pola que conseguimos máis de 700 firmas, vai do Cruzamento de Telleiro á Ponte da Ramallosa, non máis de 1,8Km. E isto, xunto co tipo de viario que se proxecte, inflúe moito na valoración e non temos ningún documento sobre iso. Para ter subvención da Deputación, a beirarrúa/senda ten que ser de 2,5m de ancho. En Borreiros, nesta estrada, non ten sentido pedir esta subvención, por irrealizable, por inviable. Este proxecto quedaría nun caixón, sen realizar. É tirar o diñeiro. Non o entendemos”.
“Non nos parece razoable nin sensato, falar da cesión de terreos e muros cando non temos nada, nin proxecto, nin unha memoria realmente valorada, nin sabemos onde, nin como lle pode afectar a algún veciño. Estamos seguros que se o noso Goberno Municipal, co Sr. Alcalde á cabeza, pon a vontade necesaria, entre todos podemos conseguilo. Sexa quen sexa, que conte connosco para axudar”, conclúen desde a Plataforma Veciñal polas Beirarrúas en Borreiros.

