Chega a Gondomar a xira que dá a coñecer a José Gil, o precursor do cinema galego

Arranca o mes de maio, o mes grande da cultura en Galicia, coa presentación para a comunidade educativa e os veciños e veciñas da vila de Gondomar do proxecto JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA. Con esta iniciativa preténdese difundir e poñer en valor a figura e obra do que foi sen dúbida iniciador do cinema en Galicia, nado en Rubiós (As Neves) en 1870.

Gil foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o cinema nacía en todo o mundo. En Gondomar intentarase dar resposta, con presentacións, proxeccións, conversas, coloquios e encontros, á gran pregunta de como chegou un rapaz dunha aldea remota do interior da Galicia de finais do século XIX a sentar as bases dunha industria que, máis dun século despois, ocupa un espazo inmenso nas nosas vidas.

Gil mantivo unha relación moi estreita co Val Miñor e os seus concellos a través de numerosas fotografías e filmacións realizadas durante o primeiro terzo do século XX. Nomeadamente en todas as actividades das escolas “americanas” da comarca. De feito, Gil visitará moitas veces as escolas de Gondomar, Nigrán e Baiona para documentar ritualmente os fitos de cada ano: a inauguración solemne do curso escolar e entrega de premios (setembro); a Festa da Raza (12 de outubro), o aniversario da entidade Unión Hispano Americana Valle Miñor (xaneiro); a Festa da Árbore (primavera); e a celebración da Independencia de Arxentina (25 de maio).

Asemade, Gil realizou numerosos filmes para os centros de emigración. O máis relevante será “Nuestras fiestas de allá”, que percorre practicamente todas as Festas populares do Val Miñor en 1928. É un dos sete títulos realizados por José Gil que chegou ate nós. Por último, o Val Miñor foi testemuña da actividade do flamante Cinemóbil1 en 1926. O camión viaxou pola Ramallosa e A Guarda, ata que tan só seis días despois da súa estrea, nun novo xiro de guión, arde inesperadamente o camión na noite do 11 de decembro de 1926 na estrada de Gondomar a Camposantos, perdéndose o prototipo e as películas.

A xira chegará a Gondomar o venres 5 de maio, pola mañá, para os Centros de Ensino co CINEMÓBIL3, camión de época que emula ao CINEMÓBIL2 de 1929, e que é neste do 2023 é un museo itinerante a través do cal achegarase a vida e transcendencia de JOSÉ GIL a todos os alumnos, alumnas, profesoras e profesores. O venres 5 de maio pola tarde, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, proxeccións para os veciños e veciñas para vivir unha experiencia, a mesma que viviron os seus devanceiros de Gondomar hai cen anos.

E completarase a actividade o sábado pola mañá, 6 de maio, para veciños e veciñas coa visita ao CINEMÓBIL3, a presentación do libro NOS DÍAS ENCANTADOS DE AGOSTO (Manolo González, Ed. Galaxia), coloquios e o concerto da Agrupación Musical de Vincios nunha Sesión Vermú que rememorará a importancia da música na andaina vital e profesional de José Gil.

JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA é un proxecto de VÍA LÁCTEA FILMES en colaboración con Cine na Rúa e Editorial Galaxia, que conta co apoio da DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.