Sin categoría

Baiona logra a bandeira azul en cinco das súas praias

Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (que ten 135) e Andalucía (127).

Dos 113 areais galegos galardoados nesta edición -que se estenden ao longo de 53,2 km de costa e supoñen 1 máis que en 2022-, cómpre subliñar que 2 lucirán a bandeira azul por primeira vez: Caranza, no municipio de Ferrol, e O Adro, en Vigo. Ademais, a praia de Rodeira, en Cangas, recupera a insignia que non recibira o ano pasado.

A maiores das praias recoñecidas en 2023, en 12 portos deportivos galegos tamén ondeará este verán unha bandeira azul. Será 1 máis que na pasada edición, grazas á incorporación de Pedras Negras, no municipio do Grove.

De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac volveu recoñecer un ano máis o labor dos chamados centros azuis. En concreto, 86 aulas da natureza, centros de visitantes e instalacións dedicadas á educación ambiental de todo o país terán esta consideración e deles 14 están en Galicia. Neste caso, á listaxe galega de centros azuis se suma por primeira vez a Casa Museo de Colón, en Poio.

No que respecta á comarca do Val Miñor, Baiona perde un galardón, o da Ladeira, pasando dos 7 do ano pasado aos 6 deste verán. Así, a Bandeira Azul volverá ondear en cinco dos seis areais do municipio, Barbeira, Concheira, Frades, Ribeira e Santa Marta, e no porto deportivo do Monte Real Club de Yates. Nigrán decidiu en 2019 declinar solicitar as insignias “porque supoñen máis contraprestacións que beneficios para as praias”.

Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas -que ten que ser excelente-; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 58 que recaen noutras tantas praias e 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 37 areais e 5 portos e, no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 18 praias e 1 porto deportivo.

Ademais, Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou o ano pasado. O concello pontevedrés suma tamén outras 3 distincións para os seus portos deportivos e terá de novo 1 centro azul.

Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra este ano un maior número de bandeiras, cun total de 8 praias seleccionadas; seguido da Coruña -5 areais e 1 porto-, Oleiros -con 5 areais distinguidos ademais de contar con 2 centros azuis- e Ferrol -con 5 praias recoñecidas tamén ao sumar a de Caranza-.

Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; seguido de Burela, con 3 praias e 2 centros azuis; Barreiros, con 3 areais; e Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira azul e o único porto distinguido nesta provincia.

A Comunidade con máis sendeiros azuis

Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que por segundo ano consecutivo Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de bandeira azul.

De feito, o acto de entrega de premios aos 104 roteiros galardoados en 2023 en todo o país celebrouse o pasado 24 de febreiro en Santiago de Compostela, un recoñecemento a Galicia, que sigue sendo a comunidade española con máis sendeiros azuis -35 este ano, 6 máis que na edición anterior-.

En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 174 distintivos, 8 máis que en 2022, uns datos que confirman e consolidan a súa posición entre as comunidades españolas que concentran cada ano un maior número de recoñecementos deste tipo.