Partindo dun esquema similar ao da edición de 2022, a Escuadra Rías Baixas quixo darlle unha volta máis á 56ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas. Búscase dar máis emoción á carreira, pero tamén aproveitar os tramos xa coñecidos no camiño de volta á cidade olívica durante o sábado 27 de maio pola tarde. Por ese motivo haberá unha nova cronometrada denominada Vigo, de 4 quilómetros de lonxitude, polo mesmo trazado do tramo test, na carreta de O Zondal. Con esa especial finalizará unha carreira na que os equipos participantes percorrerán en total 118,40 quilómetros cronometrados en dúas xornadas.
O 56º Rallye Recalvi Rías Baixas arrancará o venres 26 de maio. Pola mañá os vehículos poñerán a proba as súas monturas no xa coñecido Shakedown e xogaranse a orde de saída no tramo cronometrado de clasificación, que como xa é tradicional correranse nas inmediacións do Monte Alba.
Xa pola tarde, a partir das 18 horas, comezará a disputa da primeira etapa, con dous tramos a dobre pasada: Barciademera-Fornelos (de 13,42 quilómetros sobre un percorrido similar ao do ano pasado pero en sentido contrario) e Concello de Ponte Caldelas (de 7,82 km). Entre eses bucles, percorrendo as dous especiais, os participantes farán un control de paso en Mondariz e unha pequena parada de reagrupamento no centro de Ponte Caldelas.
Durante o sábado disputaranse outros tres tramos máis a dobre pasada, e a nova especial do tramo de Vigo. A competición renovarase ás 11 da mañá coa cronometrada Vigo-Nigrán (13,76 km) e posteriormente os vehículos terán que facer fronte ás especiais Gondomar-Porriño (11,62 km) e Salceda (10,37 km).
Tras varios controis de paso (en Nigrán, Gondomar e Salceda) e un novo reagrupamento, nesta ocasión en Porriño, os equipos volverán a Vigo para facer a correspondente parada na asistencia en Samil para, ao redor das tres da tarde, afrontar a última sección, percorrendo novamente esas tres especiais e os catro quilómetros do tramo Vigo.
A cidade olívica homenaxeará, este ano por partida dobre, aos vencedores do 56º Rallye Recalvi Rías Baixas xa que, ademais de ser final da carreira, volverá acoller a cerimonia de entrega de trofeos; acto que se celebrará o mesmo sábado ás 19.30 horas na Rúa Policarpo Sanz de Vigo.
Ademais, como na pasada edición, a Escuadra Rías Baixas situará nesa mesma zona o parque pechado, onde pernoitarán os vehículos a noite do venres ao sábado e organizará a xa clásica cerimonia de saída previa ao comezo do Rallye o xoves ás 20.30 horas.
Máis novidades, en Samil
Nas inmediacións da Praia de Samil volverán situarse os parques de traballo, aínda que este ano cambia o seu emprazamento. Para facer máis visible e vistoso aos afeccionados o traballo nas asistencias, a organización decidiu trasladar varios destes parques á propia calzada da avenida de Samil, entre a rotonda próxima ás pistas de automodelismo e a da confluencia coa Avenida de Europa.
Unha vez máis, a dirección de carreira, a oficina permanente do Rallye e a sala de prensa situaranse no Museo Verbum.

