Sin categoría

Nigrán ofrece tres sábados de maio o programa de paseos saudables polo municipio

O Concello de Nigrán ofrecerá tres sábados de maio o programa “Paseando Nigrán” de andainas polo municipio para fomentar o hábito de camiñar como un exercicio saudable. Estas serán os días 6, 13 e 27 de maio con percorridos circulares de 2 horas. É preciso inscribirse previamente en oficinaturismo@nigran.org indicando nome completo, teléfono e ruta. Recoméndase acudir sempre con roupa cómoda, calzado axeitado para camiñar, protector solar e unha botella de auga.

A primeira delas terá lugar este sábado 6 con saída ás 10:00 horas desde a oficina de turismo Dunas de Gaifar para facer un roteiro polo río Muíños. A seguinte, o día 13, estará dedicada aos escritores de Nigrán e sairá ás 9:00 da ponte da Ramallosa. A última de maio será o 27 desde a Oficina de Turismo cara o “Recuncho do Amor”.

“Apostamos por este tipo de andainas saudables que mesturan beleza paisaxística con exercicio ao aire libre porque queremos fomentar o hábito de camiñar en grupo: é saudable física e mentalmente, facilita a socialización e se adapta practicamente a calquera idade e condición”, explica o alcalde, Juan González.