
O Concello de Nigrán estrea desde este venres 5 de maio ao domingo 7 o seu primeiro festival “Vibra Gaifar”, dedicado integramente a grupos con raigame no municipio e co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos. Así, Three Roosters, Moon Cresta, La Patrulla, Groovin Folks, Indiana, Cubo Metálico, The Mirror, San Rockers e Blue Monk protagonizan esta primeira edición no espazo municipal de Gaifar.
O obxectivo primordial deste evento é, por unha banda, “quentar motores” para a tempada de verán, e por outra, dar aos grupos locais e emerxentes unha oportunidade de amosar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles e co seu público máis comprometido: a veciñanza de Nigrán. Os asistentes, ademais, de dispor no mesmo recinto unha cafetería, poderán consumir tamén nas food-tucks de Chupipostres e Bocatería Lalo’s, chegadas para a ocasión.
Fiel ao compromiso de cultura inclusiva, o Concello disporá das cinco mochilas vibratorias para o uso das persoas xordas, así, os interesados en empregalas deben solicitalas previamente no mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675.
O festival, con concertos de 1 hora, arrancará o venres 5 ás 20:00 horas con Three Roosters e a continuación con Moon Cresta e La Patrulla. O sábado 6 ao mediodía os protagonistas serán Groovin Folks (13:00 horas) e, desde as 20:00 horas, Indiana, Cubo Metálico e The Mirror. O festival remata o domingo 7 con San Rockers ás 11:30 horas e Blue Monk ás 13:00 horas.