O Instituto Cardiovascular do Hospital Vithas Vigo, que coordina o Dr. Andrés Íñiguez Romo, realizou con éxito a primeira substitución percutánea dunha válvula tricúspide -implantada directamente no anel tricúspide- dun hospital privado en España. A primeira paciente que se beneficiou desta técnica cunha menor estancia hospitalaria xa realiza vida normal tras recibir o alta asintomática e sen complicacións. A válvula tricúspide é a que regula o fluxo de sangue entre a aurícula e o ventrículo dereitos. A insuficiencia desta válvula fai que o sangue flúa en sentido inverso. Os casos máis graves teñen unha mortalidade do 30 por cento a un ano e ata o 60% aos catro anos.
Os síntomas son bastante inespecíficos e adoita detectarse en controis rutineiros ou cando está asociada a outra patoloxía cardíaca. En calquera caso, adoita causar fatiga, arritmias, falta de aire ao realizar actividades, e/o hinchazón no abdome, pernas ou veas do pescozo. Ata o de agora, os casos graves desta insuficiencia adoitábanse tratar, ben con farmacoloxía -destinada a axudar ao corazón para manexar a sobrecarga que supón o malfuncionamento da válvula-, ben cunha substitución cirúrxica que se realiza con circulación extracorpórea, técnica que implica certo risco e pobres resultados a medio prazo.
A novidade da técnica empregada no Hospital Vithas Vigo é a intervención percutánea, é dicir, a través dun implante dunha válvula biolóxica con técnicas de transcateter. A través da vea iugular dereita, no pescozo, introdúcense uns catéteres a través dos que se despraza a válvula encartada ata que está na posición correcta. Unha vez na posición axeitada, libérase a válvula, que se expande por un mecanismo de autoexpansión e ancórase á parede dereita do tabique intraventricular. Desta forma, a válvula comeza a funcionar correctamente e evita o refluxo se sangue do ventrículo á aurícula, e mellora a circulación do sangue cara á arteria pulmonar.
Esta primeira intervención realizouse a unha muller de 52 anos que xa fai vida normal despois de permanecer ingresada tan só unha semana totalmente asintomática e sen complicacións postquirúrxicas. O Dr. Andrés Íñiguez, actual presidente da Fundación Española do Corazón (FEC) e presidente de honra da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC), destaca que a técnica percutánea para a reparación da válvula tricúspide ten beneficios tanto para o paciente -que require menos tempo de hospitalización- como para o médico, que non ten que asumir os riscos dunha intervención aberta.
Neste sentido, o Dr. Íñiguez pon en valor a necesidade e calidade das imaxes de ecocardiografía tridimensional intraoperatorias que permiten realizar este tipo de procedementos con garantía en tempo real, xunto á gran profesionalidade dos facultativos da unidade de cardioloxía intervencionista que realizaron a intervención e dos coidados pre e postoperatorios por parte dos cardiólogos clínicos, “que posibilitaron non só unha intervención con éxito, senón unha evolución postoperatoria sen complicacións en tempo récord”.


