Comuneiros de Baíña esixen ao presidente da Comunidade de Montes que convoque unha asemblea extraordinaria. Varios comuneiros recolleron firmas para a realización dunha asemblea extraordinaria cumprindo cos requisitos contemplados nos estatutos, “pero unha vez máis ao presidente ocorréuselle a brillante idea de denuncialos por un delito de falsidade documental ante a fiscalía”, aseguran nun comunicado.
As persoas denunciadas foron Pilar Rodríguez, Rocío Panadero, Celestino Barreiro, Belén Pérez e Antonio Mijón. “Os catro primeiros foron chamados a declarar a Fiscalía por estes feitos cuxo resultado foi a favor dos denunciados, xa que o Fiscal non admitiu a trámite dita denuncia porque non había ningún indicio de delito. No caso de Antonio Mijón foi diferente, xa que en Fiscalía o asinante declara que esa non é a súa firma polo cal o Fiscal actúa e derívao ao Xulgado do Penal”.
“Unha vez que os citan no xulgado para a celebración do xuízo e declaran ambas as dúas partes, Antonio Mijón e o asinante, este di que si é a súa firma e que na primeira declaración ante o fiscal equivocouse. Quedando totalmente absolto dos cargos de falsidade documental Antonio Mijón. De todo iso ten coñecemento o presidente e a súa directiva xa que foron notificadas todas as partes, pero aínda así seguen mentindo e acusándonos nas asembleas de tales feitos”, prosegue o comunicado.
“Sr. Presidente as mentiras teñen as patas moi curtas. Xa abonda: cumpra coas súas obrigacións e déixenos exercer os nosos dereitos. Deixe de dividir a parroquia con mentiras e deixe de denunciar aos veciños co diñeiro da Comunidade”, conclúen.

