
Na comunidade galega manterase o patrón da primavera pasada, con incidencia baixa de alerxia ao pole, segundo os datos da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica, que prevé unha maior incidencia no centro e sur de España. “Teremos unha primavera leve, non chegando a alcanzar niveis superiores a 2.000 grans/m3”, indicou a xefa do servizo de Alergoloxía de Ribera Povisa, Carmen Mogío.
A especialista lembra que existe unha relación directa entre as concentracións de poles durante a primavera e factores meteorolóxicos como a choiva e a temperatura do outono e invernos previos. “Un outono-inverno chuvioso favorece o crecemento de todas as plantas, sobre todo as gramíneas, o que aumentará a produción de pole na floración”, asegura. As alerxias ao pole máis habituais son ao plátano de sombra, as gramíneas e a oliveira. Con todo, en Galicia, os alérxenos máis prevalecentes son os ácaros do po doméstico seguidos do pole das gramíneas.
A alerxia é unha reacción inmunolóxica fronte a unha substancia que normalmente é inofensiva como o pole, o epitelio de animais, o po doméstico, os fungos da humidade, velenos de himenópteros, alimentos ou medicamentos, entre outros. Existen outras causas menos frecuentes de alerxia respiratoria e relacionadas co ámbito laboral como é o caso da asma do panadeiro, sinalou.
Os síntomas son rinite con proído nasal, esbirros en salvas, rinorrea e conxestión, conxuntivite con proído ocular, lagrimeo e hiperemia conxuntival e, en ocasións, síntomas nas vías respiratorias baixas, como a tose seca de predomino nocturno e a sensación de falta de aire, asociada a escoita de sibilantes.
A rinite alérxica afecta entre o 25 e o 50% da poboación mundial e, en concreto, a rinite alérxica por poles constitúe algo máis da metade dos casos.
Pola súa banda, a alerxia respiratoria é unha patoloxía moito máis prevalecente entre a poboación infatoxuvenil e tanto os antecedentes de atopia como a existencia de patoloxía alérxica nun ou ambos proxenitores poden actuar como factores favorecedores do desenvolvemento da alerxia, cuxa evolución, en moitos casos, vese beneficiada cara a unha clara melloría sobre todo se se trata de forma axeitada. “Actualmente a inmunoterapia (ou “vacina” como se coñece coloquialmente) é un tratamento moi efectivo capaz de modificar a evolución da enfermidade a condición de que sexa un alergólogo o que valore a indicación e necesidade de poñela”, sinalou a doutora Mogío.
“Cando falamos de alerxia respiratoria facemos referencia non só a rinite e/o conxuntivite alérxicas senón tamén a asma alérxica, xa que a alerxia afecta a toda a árbore respiratoria, desde as fosas nasais ata o bronquio. En Alergoloxía valoramos e tratamos a pacientes con rinoconxuntivite alérxica, rinoconxuntivite-asma alérxica e pacientes só con asma alérxica”, precisou a especialista.
Consellos para reducir os síntomas da alerxia
Para mitigar os efectos da alerxia, Mogío recomenda “limitar a exposición en exteriores ou usar lentes de sol e máscara, non abrir as xanelas se estamos na casa, salvo á primeira hora para ventilar, e tampouco conducindo, e levar casco integral en caso de ir en moto”. A doutora engade a conveniencia de evitar, na medida do posible, “as saídas ao campo, zonas axardinadas ou parques durante a época de polinización que nos provoca a alerxia”. Tamén recomenda instalar filtros para o pole no sistema de aire do coche e no aire acondicionado de casa.
A Sociedade Española de Alergoloxía e os especialistas de Ribera recomendan consultar o prognóstico de pole local en http://www.polenes.com antes de saír de casa.