
Este domingo 30 de abril, nos Xardíns da Casa da Navegación de Baiona ás 20:00 horas, subiranse ao escenario os músicos Tonichi y Pacheco para celebrar o seu décimo aniversario. Unha proposta artística que mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toques de humor.
Tonichi y Pacheco é un dúo con moitos anos de experiencia, mestura o virtuosismo musical de figuras da guitarra como Paco de Lucía, Django Reinhardt, Zorba the Greek… cunha gran selección de temas Jazz, bossa nova, rumba e rancheira. Un concerto para bailar de principio a fin. Percorreron escenarios por todo o mundo e compartido táboas con artistas da talla de Manu Chao, James Brown, Emir Kusturika, Kiko Veleno, Coque Malla, Raimundo Amador, Los Enemigos, Los Secretos, e un longo etc.
Unidos por unha gran amizade e despois de compartir bandas como Miñor Swing, deciden dar vida a este proxecto, o cal dada a súa perfecta compenetración crece moi rapidamente. O seu espectáculo conta cunha parte instrumental, na que deixan clara a súa calidade musical con temas dos grandes guitarristas de sempre, como Django Reinhardt e Paco de Lucía, ou clásicos tradicionais como Zorba o Grego e Lles Yeux Noirs.
A actividade organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona é gratuíta para o público.