A chaira próxima ao CEIP Fontes Baíña estrea un novo parque infantil para o que o Concello de Baiona investiu 6.000 euros para a remodelación do espazo, que contiña elementos de xogo deteriorados. Dotouse o espazo con dous novos conxuntos modulares de madeira con varios tobogáns e diferentes elementos de xogo, unha randeeira convencional e un balancín. Tamén se procedeu á renovación do pavimento e á mellora da accesibilidade deste espazo. Así mesmo, procedeuse ao valado da zona para evitar a entrada de animais no recinto e para aumentar a seguridade do parque.
“Esta zona infantil de xogo é moi utilizada polo alumnado do CEIP Fontes Baíña xa que o espazo está ao lado do centro municipal. Este tipo de intervencións son das máis demandadas polos nosos nenos e nenas e as súas familias, a posta a punto destas instalacións foi unha das prioridades marcadas polo consistorio baionés e que nos viñan demandando os veciños e veciñas”, destacou o Alcalde, Carlos Gómez Prado.
O parque infantil está situado nunha bonita contorna de zona verde no que hai un merendeiro con mesas e árbores. Os nenos e nenas do colexio e todos os baioneses e baionesas poderán celebrar merendas á sombra das árbores e gozar dunha divertida xornada en contacto co medio ambiente e a natureza.
Arranxo doutra zona infantil de xogo en Fontes
O Concello tamén levou a cabo traballos de mellora na zona infantil de xogo en Fontes na parroquia de Baíña, un traballo de posta a punto que garantir a reparación e pintado dos elementos. Unha empresa traballou na restauración de elementos homologados, desde o chan a mobiliario pasando pola pintura, nesta zona destinada a menores. Os traballos realizados permitiron a posta a punto do chan desta zona infantil, conforme ás normas de seguridade previstas; pintado e reparación de unidades de xogos e doutros elementos para substituír a outros en mal estado.


