Sin categoría

Neurólogos de Ribera Povisa presentan en Boston un estudo sobre un tratamento contra a esclerose múltiple

O xefe de Neuroloxía de Ribera Povisa, José Ramón Lorenzo, e o neurólogo Antonio Pato presentaron este martes en Boston ante a Academia Americana de Neuroloxía os resultados dun estudo que analizou os efectos dun tratamento contra a esclerose múltiple que mellora substancialmente a calidade de vida dos pacientes. Lorenzo e Pato participaron na 75 edición do encontro anual da Academia Americana de Neuroloxía (AAN), que se celebra en Boston do 22 ao 27 de abril. Tamén asistiron Miguel Ángel Llaneza e Adrián Arés Luque, neurólogos que exercen en Oviedo e León, respectivamente.

O estudo, realizado en 40 hospitais de toda España ao longo de tres anos, avaliou a máis de 200 pacientes con esclerose múltiple que recibiron tratamento con alemtuzumab, un fármaco que demostrou unha gran eficacia fronte á enfermidade. O hospital Ribera Povisa, ademais, foi un dos centros que achegou máis pacientes ao ensaio. En concreto, as conclusións do estudo ratificaron unha mellora substancial na calidade de vida dos pacientes en canto a efectos da enfermidade como a depresión, a fatiga ou a ansiedade. Entre outros, os investigadores constataron unha redución significativa do número de brotes sufridos, pasando de dous episodios ao ano a 0,15 aos 24 meses de iniciar o tratamento con alumtuzumab.

“Isto supón que cinco de cada seis pacientes non rexistraron ningún brote”, especificou o doutor Pato, un especialista vinculado ao hospital Ribera Povisa durante dúas décadas e que agora exerce no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O alemtuzumab é un medicamento que pertence á familia dos anticorpos monoclonais e emprégase no tratamento da esclerose múltiple, a leucemia linfocítica, o linfoma cutáneo de células T e nalgúns protocolos terapéuticos do transplante de medula ósea ou de ril.

No caso dos pacientes con esclerose múltiple, o tratamento aplícase durante cinco días o primeiro ano e tres días o segundo ano co obxectivo de tratar de frear a enfermidade.