Gran tarde festiva na Ramallosa ao redor do mural de Lula Goce

O Concello de Nigrán colabora coa iniciativa dos comerciantes da Ramallosa para facer deste venres 28 de abril pola tarde unha gran xornada festiva ao redor da “Dona do Esteiro”, o novo mural de Lula Goce na Ramallosa. Así, toda a tarde estará dedicada aos máis cativos para facilitar aos adultos as compras nesta contorna urbana. Con este obxectivo, os xardíns da piscina mancomunada acollerán de 17:00 a 20:00 o espazo de xogo libre con brinquedos tradicionais da cooperativa Miudiño atendido por 3 monitores, o Rei Midas ofrecerá ás 17:00 unha actuación xusto fronte ao mural, ás 18:00 horas os comerciantes farán alí mesmo unha foto grupal con Lula Goce coa “Dona do Esteiro” e de 18:00 a 19:00 “Benito e Rufino”, de Troula Animación, percorrerán as rúas da zona facendo a compra.

“O mural é unha gran baza para o comercio da zona, a rexeneración que supón da contorna é espectacular e a acollida marabillosa; é xa un referente máis do noso municipio situado neste punto estratéxico, no núcleo urbano da Ramallosa e a carón do parking municipal gratuíto e a piscina”, sinala o alcalde, Juan González, quen avanza que o propio terreo onde se sitúa será tamén humanizado polo Concello para facer del un verdadeiro punto de encontro entre a veciñanza (o mural de 250 m² está situado na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira).

“A Dona do Esteiro” é un “milagre” natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e plantas obra da artista internacional Lula Goce, a quen o Concello de Nigrán contratou a transformación da gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira. Tras tres semanas pintando neste espazo anodino pero de gran afluencia de xente o resultado final impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares.

A artista nacida en Baiona e con taller en Nigrán concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que agora se suma “A Dona do Esteiro”, polo que o municipio nigranés forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia…

Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medio ambiente e tamén de orgullo de pertenza e de identidade compartida. “A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso”, explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.

A gran novidade neste traballo é que, por vez primeira, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da “dona da Foz” a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Sen embargo, debido ás circunstancias emocionais na que traballou neste mural, a muller a quen Lula llo dedica si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle expón”.

Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola de Dóna, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte de espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro. Nas súas próximas citas estará en Requena para pintar unha bodega de cava, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo, Suíza, Detroit, Santiago, Doha e Mallorca.