Fundación Érguete inicia o curso de Auxiliar de comercio e reposición en Nigrán

A Fundación Érguete-Integración inaugura o curso de formación en Auxiliar de comercio e reposición no Concello de Nigrán, que ten lugar a través do programa Emprego Inclusivo. Rubén Cagiao Avendaño, Vicepresidente da Fundación Érguete – Integración e fillo da presidenta Carmen Avendaño e Juan Antonio González Pérez, alcalde de Nigrán, deron a benvida ao alumnado da formación que estará formado por 12 persoas desempregadas con dificultades de acceso ao emprego.

O vicepresidente da entidade fixo mención a súa labor de apoio constante a través de todos os distintos recursos da Fundación máis alá do Curso: “A busca de emprego é un emprego e podemos axudarvos. Agora representades á Fundación”, concluía Rubén.

A entidade desenvolve este proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra e a colaboración do Concello de Nigrán, co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, de xeito que poidan incorporarse ou volver ao mercado laboral, mediante formación e capacitación técnica dende un enfoque de empoderamento da persoa e o desenvolvemento das súas competencias con accións de capacitación técnica e práctica.

Disporán dos habituais servizos da Fundación para á inserción sociolaboral dos seu usuarios e usuarias: a formación, os servizos de orientación e a intermediación laboral. A través de 110 horas de accións formativas en competencias técnicas e transversais, aprenderán a realizar actividades auxiliares de venda, reposición e acondicionamento do espazo comercial, proporcionando atención e información operativa e protocolarizada á clientela, así como recibirán formación en emprendemento e en igualdade de oportunidades. O alumnado porase a proba realizando as funcións necesarias en establecementos comerciais (tendas, supermercados e hipermercados) con 80 horas de prácticas profesionais en empresas.