O Concello de Baiona está realizando o arranxo dun camiño no barrio do Caeiro en Sabarís. O obxectivo da intervención é a mellora do camiño saneando os tramos que tiñan a superficie danada e aplicando unha capa nova de formigón a todo o percorrido do mesmo. Así mesmo realizouse o rozado mecánico de cunetas e noiros por ambas as marxes do camiño.
O Concelleiro de Urbanismo e Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez, sinala que “trátase dunha actuación necesaria xa que o estado da pavimentación actual non era o axeitado, este viario é usado tanto para o acceso a leiras agrícolas como vivendas”. O concelleiro engade que “os traballos están sendo realizados por operarios municipais do departamento de Vías e Obras”.
Pola súa banda o Alcalde, Carlos Gómez Prado, comenta que “é unha actuación de renovación en beneficio do tráfico rodado. Así, os veciños e veciñas desta zona de Sabarís poderán gozar da mellora prevista coa pavimentación e acceso deste viario” e engade que “seguimos coa intención de poñer en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da veciñanza”.

