Vigo e Baiona repártense os grandes premios do Trofeo CdeC

O Monte Real Club de Yates estreou con éxito este sábado a súa tempada de cruceiro do 2023 coa celebración do Trofeo CdeC – Amura, que reuniu nas Rías Baixas a máis de medio centenar de veleiros dos principais clubs náuticos galegos. A competición desenvolveuse nun dobre escenario, polas rías de Pontevedra e Vigo, con saídas desde as proximidades da Mariña Combarro e o Real Club Náutico de Vigo, que colaboraron co club baionés no evento deportivo. A frota máis reducida, a que partiu de Combarro, foi tamén a máis madrugadora. Sete barcos tomaron a saída pasados cinco minutos do mediodía cunhas condicións que coincidiron cos partes previstos polo comité. Un vento do suroeste por encima dos dez nós que lles facilitou o empuxe rumbo a Baiona.

Dous barcos, o Narval do Club Náutico de Vilagarcía, patroneado por José Antonio Portas; e o Nahela do Club Deportivo Alagua (A Guarda), liderado por Víctor Manuel Álvarez; colocáronse rapidamente na cabeza, deixando ao resto de embarcacións á súa popa durante todo o percorrido. Mantiveron un moi interesante man a man ata o final, pero a compensación de tempos deulle a vitoria definitiva ao Ronáutica Marinas, de Jorge Carneiro (CN San Telmo). O Nahela quedou segundo e pechou o podio na terceira posición o Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo (CN Beluso). A frota que partiu de Combarro percorreu un total de 23 millas e o trazado para os barcos que partiron desde Vigo, que escoitaron o bocinazo de saída pasadas as dúas da tarde con 17 nós do suroreste, foi de 12 millas.

O máis rápido en completar esa distancia foi o Yess Too, de Rui Ramada, do Monte Real, que empregou pouco máis de dúas horas en cruzar a liña de chegada. O destacado patrón portugués foi o máis rápido pero a compensación de tempos fíxolle caer ata a terceira posición por detrás do Bon III de Víctor Carrión (CN Punta Lagoa) e do Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo), que quedou ás portas de revalidar a vitoria da edición anterior. Quedou así configurado o podio de gañadores da clase ORC 1-2-3, unha das cinco que se puxeron en liza no percorrido Vigo-Baiona. En ORC 4, os banzos do podio quedaron cubertos polo Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo), que logrou o ouro; La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo de Miño), que se fixo coa prata; e o bronce quedou en Baiona grazas á boa actuación do Fend la Bise de Jean Claude Sarrade.

Houbo tamén unha categoría A Dous, para equipos formados unicamente por un patrón e un tripulante, na que venceu o Salaño Dos da parella formada por Jacobo Vecino e Brenda Maure (RCN Vigo), un dúo moi ben avenido que desde hai anos tenlle moi ben tomadas as medidas a este tipo de navegación. En segunda e terceira posición quedaron o Bonaventure de José Luis Ríos e María Jesús Montes (RCN Vigo); e o Aquilón de Roberto Telle e Genoveva Pereiro (MRCYB). Os monotipos J80, a frota máis numerosa (23 unidades) e allea á compensación de tempos, competiron en tempo real e a súa disputa finalizou co Alboroto no máis alto do podio. Unha nova vitoria para un dos barcos que se postula como favoritos da frota galega de fronte ao mundial de J80. A tripulación, liderada por Juan Carlos Ameneiro, superou ao seu compañeiro de club, Fernando Yáñez, a bordo do Cansino; e ao Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Esteban Martínez de la Escalera, do RCN A Coruña.

A outra frota de monotipos, os Fígaros, que competiu dentro da categoría de ORC-4, tivo tamén unha clasificación propia, que quedou configurada co Bouvento de Walter Pedro Sequeiros en primeira posición e o Tutatis de Pilar Cid en segunda. Este último, o Tutatis, levou o premio á mellor tripulación feminina, un galardón que o Monte Real Club de Yates instaurou en practicamente todas as súas competicións no marco do seu programa de Vela en Feminino, co que pretende aumentar a presenza de mulleres nas regatas que se celebran en Galicia. Unha vez resolta a competición e publicadas as clasificacións finais, as instalacións do club baionés acolleron a entrega de premios aos gañadores, acto que estivo presidido polo Director Xeral do Grupo CdeC e patrocinador do evento, Carlos Calo; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o vicepresidente do MRCYB, Alejandro Retolaza.

Tras a despedida desta primeira gran cita cos cruceiros, no Monte Real xa teñen todo preparado para a súa próxima regata, que chega en apenas uns días. A cuadraxésimo quinta edición da súa clásica Regata de Primavera, que un ano máis volve ser Trofeo Repsol, celebrarase a próxima fin de semana, coincidindo co festivo do primeiro de maio.