Marcelli volve subir a un podio do Mundial do Trial tras a primeira rolda portuguesa de Gouveia

Concluída a primeira xornada do Campionato do Mundo de Trial que esta fin de semana acolle a localidade portuguesa de Gouveia, o piloto galego Gabriel Marcelli (Montesa-Repsol Honda) volve repetir a mesma escena protagonizada a pasada fin de semana en Arteixo, no arranque de tempada na máxima categoría do GP. O do Rosal sóbese ao terceiro banzo do podio neste primeiro día, a tan só 5 puntos do biscaíño Jaime Busto (GasGas), que marcha segundo con 39. A primeira praza volve ser para un insuperable Toni Bou (Montesa-Repsol Honda) que manda con 26 puntos, mellorando o seu resultado respecto ao primeiro día de competición na proba da Coruña, onde foi segundo.

O vigués Jorge Casales (Scorpa) non tivo un gran día en Gouveia, penalizando ata os 82 puntos, quedando relegado á oitava praza, moi próximo na sétima posición de Gelabert (Beta). En Trial GP Women a británica Emma Bristow (Sherco) segue reinando desde os máis alto con 17 puntos, coa catalá Berta Abellán (Scorpa) pisándolle os talóns a 7 puntos, que con 24 está na posto prata. A terceira posición foi para a francesa Naomi Monnier (GasGas), con 28 puntos. En Trial 2 e Trial 3 triunfos dos ingleses Billy Green (Scorpa) e George Hemingway (Beta) gañadores das súas respectivas categorías por esta orde. Bo papel de Pablo Suárez Jambrina (Montesa) que ocupou a quinta praza en Trial 2 e de Bruno Aguilar (TRRS), duodécimo en Trial 3.

Mañá domingo dispútase a segunda xornada da proba portuguesa de Gouveia que organiza Talentos Objectivos – Clube de Enduro e Recreio coa colaboración da Peña Moteros Val Miñor, a partir das 9 da mañá, hora local. “A primeira volta foi algo desequilibrada ata que fun gañando confianza e aínda así terminei na segunda praza. Na segunda volta xa me sentín moi seguro facendo este podio na terceira praza da xeral”, comentaba Marcelli. “Estou moi contento cos resultados aquí é Portugal e desexando que empece a segunda rolda do domingo e poder volver estar no podio”, afirmaba o piloto do Rosal.