Sin categoría

Aberto o prazo de inscricións para o 56º Rallye Rías Baixas

O Rallye Recalvi Rías Baixas celebrará a súa 56 edición os días 26 e 27 de maio, polo que os interesados en participar na proba terán case un mes para formalizar a súa inscrición.

Por terceiro ano consecutivo, o Rías forma parte da Copa de España de Rallyes de Asfalto -CERA Recalvi, competición para a que puntuarán outros seis rallyes máis; o Rallye do Cocido – Disiclín, que se disputa esta fin de semana, Rallye Villa de Adeje, Rallye Cidade de Narón, Rallye Blendio Cristian López, Rallye da Vendima e o Rallye Ciudad de Valencia, que pechará a tempada en decembro.

Os equipos que queiran puntuar para o CERA Recalvi terán que dispoñer de licenza estatal. Pero tamén será posible competir no Rías con licenza autonómica, encadrándose dentro do Criterium Recalvi.

O 56º Rallye Recalvi Rías Baixas acollerá, ademais, como novidade, outros dous importantes trofeos, como son a segunda edición do Rallye Solo Renault Group e o Trofeo Galicia Historic. O primeiro reunirá aos mellores e máis icónicos vehículos das marcas Renault, Alpine e Dacia, mentres que o “Galicia Historic” nace da man das Escuadras Lalín-Deza, Ourense, Rías Baixas e Siroco Narón para incentivar e premiar a participación de vehículos históricos (fabricados entre 1971 e 2000) nos catro rallyes da CERA-Recalvi que se disputarán en Galicia está tempada.

A carreira viguesa será tamén puntuable para os certames xa habituais; Challenge Recalvi – Trofeo Michelín – Trofeo MRF, Clio Trophy Spain, Dacia Sandero Rallye Cup e Desafío Kumho Asfalto.

O formato de competición do 56º Rallye Rías Baixas será moi similar ao dos últimos anos, disputándose os tramos en dúas xornadas, aínda que haberá importantes novidades encamiñadas a dotar de maior espectacularidade á proba, cambios que a organización desvelará a primeira semana de maio.