A Biblioteca Municipal do Concello de Nigrán é xa obxecto de estudo na facultade de Arquitectura da Universidade de A Coruña. Con este obxectivo, o edificio recibiu a visita do alumnado de 2º curso da materia “Análise Arquitectónica”, que terá como materia práctica o debuxo das plantas, os alzados ou a análise da axonometría deste espazo recentemente elixido como o mellor edificio de Galicia nos anos 2020-2021. O grupo, acompañado dos profesores do departamento de “Expresión Gráfica Arquitectónica”, realizou unha visita guiada a cargo dos propios artífices, Lucas Gándara e Juan Pons, e foi recibido polo alcalde, Juan González. A semana anterior, Gándara desprazouse ata A Coruña para impartir unha clase ao respecto.
“É un orgullo que a nosa biblioteca se estude na Universidade. Pese a ser tan recente, é xa un edificio icónico de Nigrán que nos sitúa no mapa da mellor arquitectura moderna de todo o país e que, de por si, atrae a visitantes de fóra interesados en coñecela”, subliña o alcalde, Juan González. A Biblioteca Municipal foi elixida recentemente como a mellor obra de nova planta en toda Galicia dos anos 2020-2021 na XX edición dos Premios COAG, promovidos polo Colexio de Arquitectos de Galicia. Esta mesma construción, aberta ao público en novembro, acadou o ano pasado o premio ibérico Technal 2022 presidido no Xurado por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021.
“Foi unha obra difícil de levar a cabo e que se demorou máis do previsto, pero o importante é que o resultado está aí e non pode ser mellor. Sentímonos moi orgullosos porque combina beleza e harmonía cunha total confortabilidade para o usuario”, subliña o rexedor.

