Veciñanza da parroquia de Panxón en Nigrán esixen unha actuación inmediata de urxencia sobre os restos das dunas na Praia da Cansadoura en Panxón. O estado lamentable que sofren as mesmas, fai temer pola perda en pouco tempo dun espazo local xa moi minguado hoxe da empobrecida contorna natural. “As causas do seu deterioro son a ausencia dun valado perimetral, de postes de madeira e arame (igual ou semellante) ao construído no areal de Lourido o verán pasado, que mitigaría seu xa avanzado deterioro. O parking xusto enriba do areal e a ausencia de civismo e urbanidade dos usuarios da praia, apuraron uns efectos erosivos e de degradación que de non poñer un cordón á súa contorna será de consecuencias catastróficas e ao mellor irreversibles coa perda deste noso conxunto dunar”.
“Resulta paradoxal o mal trato recibido pola sociedade en xeral dun espazo natural, pola mesma xente que vén a desfrutar das belezas e calidades do mesmo. Aínda habendo un pantalán en madeira e a baixada á praia de Carreiro, dos visitantes (do cal non excluímos que haxa xente da localidade) que por ignorancia, preguiza, falta de sensibilidade (ou todo xunto) optan polo rápido e máis cómodo atallando pola duna esnaquizando, insistimos xa moi degradado, último vestixio dunar natural desta praia as veces con cans xa que se ven excrementos e pegadas de cans tamén son relevantes”, lamentan nun comunicado.
Para os veciños alarma tamén a aparición dun valado de xistos cunha disposición e construción moi curiosa que en conversacións co xeógrafo Augusto Alberti conviría estudalo de inmediato e frear seu deterioro. Cómpre lembrar a singularidade ecolóxica destes espazos que son reservorio de alimento para aves. A presencia dalgunha especie endémica coma o brizo mariño Angelica pachycarpa, endemismo costeiro xa fala do valor en si deste lugar.
A veciñanza sensibilizada co mesmo, decidiu impulsar este escrito reivindicativo e de denuncia ás autoridades locais do Concello, competente na materia. Esixen o mesmo trato co coidado e atención recibido no areal de Lourido, “co cal estamos totalmente de acordo e coidamos debería facerse extensible a todos os espazos que resten así en todo o litoral do Concello”.

