
O Hotel Talaso Atlántico cumpre 20 anos como un referente turístico de calidade en Galicia e como un dos centros pioneiros en impulsar a talasoterapia na Comunidade galega. Para celebralo, o hotel acolleu hoxe un evento ao que acudiron alcaldes do Val Miñor, así como o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, o presidente de Aemos, Manuel Castro; César Ballesteros, de Feprohos, representantes das patronais locais Aceba, Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, e Ovalmi, Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Tui, Saúl Cuevas, entre outras personalidades. Todos quixeron arroupar un proxecto non só hostaleiro senón tamén gastronómico, e de interese sanitario.
O acto serviu ademais para facer unha homenaxe ao persoal do establecemento formado por setenta traballadores que cada día reciben a hóspedes, pacientes e visitantes no único hotel de catro estrelas do concello de Oia. Fai só un par de meses, o establecemento renovou o seu restaurante, dirixido polo chef Javier Fins que se estreou o pasado 23 de marzo no seu primeiro catro mans co Estrella Michelín Pepe Solla nunha cea efémera que colgou o cartel de completo ás poucas horas de anunciarse. Fins é, ademais, este ano, o embaixador da cociña do Baixo Miño nunha campaña impulsada polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
No apartado de saúde, o centro de talasoterapia forma parte da Cátedra de Hidroloxía da Universidade de Santiago de Compostela e acolle cada ano un dos cursos de verán desta universidade, o de oncoloxía integrativa, polo que pasaron profesionais da talla de Marina Pollán, directora do Centro Nacional de Epidemioloxía do instituto de Saúde Carlos III, ou Miquel Porta Serra, epidemiólogo e investigador do Instituto Hospital do Mar. O centro de talasoperapia, de interese sanitario, conta cun director médico, Salvador Ramos, profesional pioneiro en impulsar en Galicia os coidados integrativos nos pacientes con cancro. Comparte co país veciño ao colaborar cada ano no Encontro Ibérico de Oncoloxía.
No mesmo centro de talasoterapia do hotel tamén se cultivan, en colaboración co Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, microalgas para o estudo dos seus efectos na pel a nivel cosmético e médico.
O hotel Talaso Atlántico é un dos destinos favoritos nas Rías Baixas do turismo nacional e portugués. Rosana Canda, a súa directora, puxo hoxe de manifesto o orgullo que supón capitanear un proxecto que sempre estivo á vangarda para situar a Galicia entre os destinos favoritos de españois e portugueses e subliñou o “apoio incondicional de patronal do sector, de empresarios doutras zonas da provincia, da Cámara de Comercio de Tui e, por suposto, grazas os artífices deste gran proxecto: Dolores, Jesús e Pepe”.
Ademais da saúde, o hotel estivo moi implicado, desde o seu nacemento, en apoiar o deporte, principalmente, aos clubs da súa contorna. Así, durante catro anos -interrompido en 2020 pola pandemia- organizou o Desafío Atlántico.
En 2017, o hotel foi galardoado como o mellor centro de talasoterapia de España na feira internacional Piscina & Wellness de Barcelona.