O autor nigranés asinará a súa obra completa na Feira do Libro de Nigrán. O acto é unha boa nova para os fans da escrita preciosista de Fran Fernández Davila, que combina tres libros de aventuras sobre Panxón, O Trega e Baiona, e os Países Baixos, coa única obra de poesía miñorana que gañou o premio Victoriano Taibo de Gondomar.
Fran Fernández Davila estará asinando os seus catro libros no stand da libraría Paraísos de Papel na Feira do Libro de Nigrán, o domingo 23 de abril ás 17:00 horas. O máis recente, un alegato na defensa dos nosos montes e a nosa lingua, leva o título de “O Bosque do Duque s’Hertogenbosh”. Editado por Galaxia, é unha chiscadela a Momo e os Goonies, un libro fantástico de aventuras que irmanda o Val de Miñor coa cidade neerlandesa de Den Bosch. Un libro de amizades, identidade e fortalezas que engancha á xuventude e aos maiores.
Á parte deste libro, as lectoras e lectores tamén poderán conseguir exemplares de “Alana”, a novela de aventuras editada por Toxosoutos e premio Avilés de Taramancos, que relata o periplo dunha adolescente castrexa dende O Monte da Trega até o Val Miñor na súa loita contra o invasor romano. Segundo a crítica, a obra “versa sobre a procura da identidade galega como viaxe interior e de afirmación”.
Tamén estará dispoñible algún volume de “A senda de sal”, editado por Galaxia e último Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, unha historia de espionaxe ambientada en Panxón nos tempos da Segunda Guerra Mundial que é xa un clásico da literatura que ten a comarca do Val de Miñor como centro do relato.
As e os amantes da poesía poderán desfrutar de “Mover os marcos”, editada polo IEM a raíz do premio de poesía Victoriano Taibo, e que resulta ser a única obra miñorana que conseguiu gañar o prestixioso premio gondomareño.
Dende que comezou a escribir hai agora sete anos, Fran Fernández Davila acadou máis de 30 premios, repartidos a partes iguais entre narrativa, poesía, relato curto e microrrelato, tanto en Galicia como en España ou mesmo na Arxentina.

