A Comisión de Honras e Distincións do Concello de Baiona aprobou hoxe o nomeamento de Anxo Rodríguez Lemos como Cronista da Vila. Graduado en Historia, Máster en Profesorado Doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Nun acto de recoñecemento celebrado en marzo do pasado ano, o alcalde, Carlos Gómez Prado, recoñecía a súa traxectoria profesional, subliñando que “grazas ao seu traballo, ao seu tesón e ao seu esforzo, temos ao alcance da man a posibilidade de coñecer o que ocorreu en Baiona ao longo da historia. O seu afán por investigar e a súa obsesión polo dato exacto permitiunos coñecer mellor e poñer luz á historia de nosa Vila”.
Todo empezou cando a súa bisavoa, Aurelia Otero, contáballe os segredos da zona vella da vila. Anxo empezou a interesarse pola súa terra natal ata o punto de que a súa visita favorita era ao arquivo antigo do Concello. A partir dos 15 anos, estando en secundaria, encargáronlle un traballo de toponimia da súa parroquia, Santa Mariña de Baíña, e a partir de aí, o baionés entregouse ao estudo da tradición oral de Baiona. O seu destino era inevitable: foise a Santiago a estudar Historia e, aos seus 22 anos, xa estaba graduado. O seu proxecto de fin de carreira versou sobre o Santuario de Santa Liberata e logrou a máxima puntuación. E cinco anos despois converteuse en Doutor “cum laude” (“con encomio ou honras”).
Anxo Rodríguez sábese practicamente de memoria os centenares de documentos que forman o arquivo de Baiona. Todo iso serviulle para poder exercer de guía en numerosas actividades. Visitas guiadas pola zona vella de Baiona, saídas aos petróglifos de Outeiro dos Lameiros, xeiras polas parroquias… Como conferenciante e tamén para poñer en marcha varias exposicións históricas na Vila.

