Alumnos de FP do IES Escolas Proval constrúen un minisatélite do tamaño dunha lata de refresco

Un equipo de alumnos de FP do IES Escolas Proval en Nigrán (Pontevedra) construíu un minisatélite para participar na edición CanSat 2023 organizada pola Axencia Espacial Europea (ESA). CanSat é unha iniciativa da Axencia Espacial Europea que desafía a estudantes de toda Europa a construír e lanzar un mini satélite do tamaño dunha lata de refresco. O desafío para os estudantes é adaptar todos os subsistemas principais que se atopan nun satélite, como a enerxía, os sensores e un sistema de comunicación, no volume e a forma dunha lata de refresco. Despois, o CanSat é lanzado por un foguete ata unha altitude de aproximadamente un quilómetro, ou lanzado desde unha plataforma, dron ou globo cativo. Entón comeza a súa misión. Trátase de realizar un experimento científico ou unha demostración tecnolóxica, lograr unha aterraxe segura e analizar os datos recompilados. A competición ten varias fases, rexional, nacional e europea.

Os alumnos estiveron traballando desde o principio de curso nun prototipo capaz de medir as condicións ambientais compatibles coa vida emulando desta maneira a unha sonda espacial que se poida enviar a un hipotético planeta habitable. O nome co que se bautizou o prototipo é SetiSAT. Este nome é unha chiscadela a un proxecto da NASA que se mantivo durante moitos anos denominado proxecto SETI. Este proxecto buscaba signos de vida intelixente noutros planetas analizando os datos recompilados polos radiotelescopios.

O SetiSAT leva incorporados multitude de sensores para comprobar as condicións da atmosfera mentres descende. Mide entre outros a presión atmosférica, a temperatura, humidade, luz, gravidade, gases contaminantes, porcentaxe de osíxeno, … Ademais, incorpora un sistema de audio estéreo que permite reproducir unha mensaxe de benvida en diferentes idiomas seleccionándoo previamente desde a estación de terra.

En ton de broma os alumnos comentan que se se atopan con algunha forma de vida que esperan que esta sexa pacífica e que podamos entendernos cos nosos futuros veciños. Indican ademais que van ao concurso con moita ilusión e que esperan chegar o máis lonxe posible, tanto como nos leve o noso SetiSAT. Para todos aqueles interesados no tema o equipo escribiu un sitio web onde se pode consultar a información do proxecto e visualizar vídeos cos traballos realizados (https://setisat.wordpress.com/).