Sin categoría

Solaina pecha a saga “Dedas” nas feiras do libro de Nigrán, Baiona e Gondomar

Soledad García, Laine Villero e Natalia Guisande, escritora, ilustradora e deseñadora respectivamente, forman Solaina Val Miñor, o grupo de fusión de arte que fomenta a lectura en base á riqueza ambiental da comarca. Co gallo do día do libro festexan o seu proxecto “Garatuxas do Val Miñor” en Nigrán, Baiona e Gondomar. En outubro de 2020 nacía “Dedas”, o seu primeiro libro, un conto fermoso de dúas nenas tan iguais e tan diferentes á vez. Un libro evolutivo de prosa poética para tratar a diversidade nos máis pequenos.

Soledad García explica que os libros como as nenas e os nenos medran, evolucionan e acompáñanos toda a vida. De esa base nace “Un paseo por Nigrán” para facer unha homenaxe ás tradicións e visibilizar o mosaico do muxe milenario de Panxón a través de Calíope, a serea protagonista de “Dedas”. Pola defensa dos garranos da Serra da Groba crea “Un paseo por Baiona”, contando a historia dun pequeno garrano da Serra da Groba chamado Artai, nome do fillo do primeiro habitante de Galicia, que loitará incansable para vencer o ataque dunha estraña árbore fruss-fruss. E grazas ao traballo do escritor Fran Fernández Davila o libro traduciuse ao inglés para medrar por Europa defendendo os garranos con “A walk in Baiona”.

O broche final é “Un paseo por Gondomar”, que narra a historia dun pequeno trasno da Casa Peralba que atopa escrito no libro máis antigo da biblioteca que un trasno de lume vai vir queimar Gondomar. A partir de aí entre petróglifos, pazos, ríos e pontes buscará a través das súas dez parroquias axuda a través de experimentos científicos para salvar a Serra do Galiñeiro. Todos os libros de Solaina son evolutivos formando unha saga con protagonistas comúns en cada un deles, contan con rutas descargables a través dun QR e actividades medioambientais, ecuestres e científicas para desfrutar xogando e lendo en familia.

Dende Solaina agradecen aos tres alcaldes do Val de Miñor o seu compromiso ambiental para que as “Garatuxas” percorran por sempre a nosa comarca. Solaina estará en Baiona o venres 21 de abril fomentando a lectura en ruta con “Un paseo por Baiona” e “A walk in Baiona”. O domingo 23 de abril na Feira do Libro de Nigrán de 11:00 a 13:00 horas cos libros “Dedas” e “Un paseo por Nigrán”, e en Gondomar, na festa da presentación do seu novo libro “Un paseo por Gondomar”, de 17:00 a 19:00 horas, na Praza de Rosalía de Castro onde se realizarán obradoiros científicos da man de Ciencias e Movemento.