O PP de Nigrán estréase en YouTube para achegar a María José Pino á cidadanía

O PP de Nigrán comeza a súa andaina en YouTube coa difusión do acto oficial de presentación da súa candidata á alcaldía, María José Pino. A través desta ligazón poderase acceder á gala gravada o pasado 15 de abril desde o auditorio do Centro Cultural O Torreiro de Priegue e que contou con máis de 200 persoas e as intervencións da vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente do PP provincial Luis López. Así mesmo, o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén brindaron o seu apoio a Pino pero de maneira telemática, a pesar de que non puideron acudir á gala por motivos de axenda.

A posta en marcha desta nova canle responde á clara intencionalidade de Pino por achegarse aínda máis aos veciños. Desde este soporte irase xerando contido periódico, colgando toda a actividade que a candidata leve a cabo no municipio, entrevistas con empresarios locais, demandas e denuncias veciñais, así como diferentes accións da súa campaña emprazadas en puntos concretos do municipio. “Necesitamos dar voz á cidadanía, grazas aos avances tecnolóxicos hoxe dispoñemos de ferramentas que nos permiten chegar a un número de persoas aínda maior. Avecíñanse cambios e temos que dalos a coñecer”, manifesta a candidata. Esta aposta para potenciar a súa visibilidade irá apoiada por publicacións en redes sociais dinámicas e que reflictan con total transparencia a súa filosofía, unha maneira diferente de facer goberno e do que é necesario maximizar o seu impacto entre veciñas e veciños.