Lucenza-Ateneo de Nigrán denuncia o impacto dos anuncios instalados en medianeiras da Ramallosa

O Ateneo de Nigrán valora positivamente a nova aportación creativa da muralista miñorana Lula Goce na mellora da contorna urbana da piscina pública da Ramallosa, que saca da marxinación na que se encontraba unha parcela propiedade do Concello de Nigrán, aínda non construída e moi descoidada, a pesar de estar emprazada nunha zona tan central deste núcleo urbano. Dita intervención, que promove o Concello, aproveita as potencialidades deste lugar para mellorar a escena urbana e demostra que a arte mural pode ser unha ferramenta útil, como contribución á mellora da calidade e do coidado estético dos espazos habitados.

Dito isto, que garda relación cunha nova publicada hai uns días polos medios, con respecto ao remate desta obra artística de Lula Goce, e querendo presupoñer con isto, o interese do goberno municipal na mellora das contornas urbanas do municipio, por canto se refire ao tratamento de fachadas e medianeiras, Lucenza – Ateneo de Nigrán quere denunciar ante a opinión pública a colocación indiscriminada de murais e panelería publicitaria de grandísimo formato en diferentes paredes medianeiras do núcleo urbano da Ramallosa, “sen que saibamos polo momento que existe oposición municipal a ditas intervencións, que ao noso xuízo están a degradar gravemente os valores paisaxísticos e patrimoniais deste núcleo poboacional e dos espazos naturais e públicos da Foz do Miñor”.

O pasado 24 de maio de 2022, hai agora case un ano, a través das súas redes sociais, Lucenza alertaba xa do impacto paisaxístico que estaba a padecer a contorna da ponte da Ramallosa, pola colocación dun enorme anuncio dun establecemento comercial de Porto do Molle. Hoxe, xa son tres os grandes paneis ou murais publicitarios colocados nun mesmo bloque de edificios, situados na inmediatez da rotonda da ponte, aproveitando paredes medianeiras que se observan a grande distancia e nas diferentes direccións de acceso a dito cruzamento.

Estes anuncios xeran un enorme impacto visual sobre un espazo de moi grande valor cultural, natural e paisaxístico, causando un novo dano, que se engade nesta zona da Foz do Miñor a outros moitos, como o da contaminación ambiental do esteiro, a sobrepresión circulatoria á que está sometido este lugar ou as consecuencias de décadas de deterioro urbanístico, derivado da presión edificatoria e dunha xestión desordenada, ineficaz e pouco respectuosa co medio, que danou irreversiblemente a imaxe da contorna da Ramallosa e Sabarís e causou grandes estragos no seu patrimonio histórico.

Non debemos esquecer que aquí se encontra a ponte medieval da Ramallosa, unha das xoias do patrimonio miñorano e a entrada do Camiño de Santiago en Nigrán. Un espazo que, xunto coas vellas edificacións deste lugar e co esteiro do río, debería estar absolutamente coidado, evitando calquera impacto que os dane ou lles reste valor.

Preguntámonos se estas macropublicidades terán sido, no momento da súa instalación, colocadas con licencia municipal ou coas autorizacións pertinentes, e manifestamos a nosa sorpresa e desagrado polo pouco interese que nesta materia parece ter o Concello de Nigrán, que está obrigado a velar pola conservación das calidades paisaxísticas e urbanísticas deste núcleo, impedindo que novas intervencións desacertadas e que so responden a un interese económico particular, deterioren aínda máis o lugar, en contra do interese público e dos valores do territorio, que é un ben de todos.

Queda de manifesto, ademais, que as limitacións e criterios que se aplican actualmente no Concello con respecto á colocación de publicidade, son absolutamente insuficientes para previr o deterioro ambiental que os anuncios en medianeiras e grandes valos publicitarios poden producir nos núcleos poboacionais, nos espazos non urbanizables e sobre a paisaxe.

Por todo o anteriormente indicado, Lucenza – Ateneo de Nigrán solicita con urxencia ao Concello de Nigrán, que se actúe con criterio e en defensa do patrimonio público, do medio ambiente e da paisaxe e, con tal fin, se aprobe canto antes unha ordenanza municipal específica sobre publicidade, que restrinxa e limite ao máximo as posibilidades que a grande publicidade comercial ten para causar danos aos grandes valores do noso territorio.