Sin categoría

Gondomar saca a súa maior oferta pública de emprego: contratará a 33 novos traballadores municipais

O Concello de Gondomar aprobou a oferta de emprego público e así dar cumprimento ao plan de estabilización do ano 2022 do goberno de España. Ademais de aumentar o persoal municipal tamén se cubrirán vacantes en diferentes servizos por renuncias ou xubilacións que se produciron durante o último ano. O Concello contratará un total de 33 traballadores e traballadoras, que incorpora de forma inmediata 9 axudantes de servizos varios, 1 palista, 1 condutor, 1 peón especialista e 1 oficial de primeira.

A Policía Local verá incrementada a súa dotación coa incorporación de 4 novos axentes así como 1 oficial a través de promoción interna. No caso do Conservatorio Municipal de Música o seu cadro de persoal aumentará coa contratación de 1 director/a, e 1 profesor ou profesora para cada unha das especialidades de vento-madeira, violín, guitarra e piano. Os departamentos de Igualdade e Benestar Social son outros dos que verán reforzado o seu persoal coa contratación de 2 psicólogos/as, 2 traballadores/as sociais, 1 axente de igualdade e 1 avogado/a.

No caso da administración xeral o Concello incorporará a 1 coordinador/a de servizos administrativos, 1 auxiliar de atención ao público, 1 auxiliar administrativo e 1 recadador/a, ademais dun axente de desenvolvemento local. Unha vez rematados os procesos selectivos, nalgúns casos xa en marcha, e feita a correspondente selección, as incorporacións se producirán de xeito inmediato. Tamén se está modificando a RPT para crear novas prazas, tales como unha bibliotecaria ou un técnico de medio ambiente.

O alcalde sinalou que “a administración local debe dotarse do persoal necesario para ter un mellor funcionamento e para ofrecer mellores servizos á cidadanía. Con estas incorporacións reforzaremos algúns servizos tan importantes como o da Policía Local, o de Vías e Obras, ou o Departamento de Igualdade, e no caso concreto do Conservatorio Municipal de Música demostra o noso compromiso en seguir ofrecendo unha educación musical da máxima calidade”.