Bombeiros forestais na casa e alarma incendiaria en marzo

Bombeiros Forestais do SPIF da Xunta de Galicia, como traballadores de alto risco (6 meses) queren denunciar ante a cidadanía galega, a non incorporación dos case mil efectivos, este pasado mes de marzo.

“Moi adiantada e de xeito moi perigosa, comeza a campaña incendiaria en Galicia neste 2023. Un inverno moi chuvioso fíxonos esquecer o infernal verán do ano pasado. Sen embargo, tras un febreiro seco, o dramático incendio de Baleira con 1500 ha volta ser o preludio dun verán de medo. O pasado xullo e agosto deunos aos galegos un aviso a navegantes de continuar con certas derivas erráticas nas políticas de montes en Galicia”, afirman.

Precisamente logo do infernal verán que padecemos galegas e galegos, e pola evidencia e gravidade do momento que nos toca vivir (mudanza climática, abandono no rural e o estado xeral maioritario dos nosos montes..), urxen á Consellería do Medio Rural, sen dilación algunha, empezar a realizar políticas preventivas serias a este respecto e evitar o acontecido no pasado 2022 ou situacións de emerxencia aínda peores (outubro 2017, Pedrogao..). Para elo, na súa condición de profesionais cualificados, formados tras numerosas campañas, lamentablemente, sempre en precario pero en primeira liña do lume, entenden que cómpre:

  • A incorporación inmediata do conxunto dos efectivos de reforzo ás labores preventivas. As repentinas mudanzas e empeoramento das condicións meteorolóxicas vainos obrigar, ademais a realizar xa, traballos de extinción.
  • Para unha efectiva e necesaria práctica preventiva nos nosos montes e a gravidade que supón a proximidade deste a núcleos poboados, esixen a ampliación xa, dos meses de traballo de 6 a 12 meses mediante modificación substancial de contrato ou fórmula que as partes conveñan o tempo indefinido que se precise. Os 6 meses (2 de prevención e 4 para extinción) están a ser unha dilapidación dos sagrados recursos públicos da cidadanía ao non poder facer unha política preventiva efectiva (é máis, case nin prevención se fai). Para empeorar o panorama, este ano cos sucesivos temporais deste inverno incorporouse un bo plus de biomasa nos nosos montes. A seguridade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas/os galegas/os.
  • Que se tire das listas do 2019, até completar as brigadas na súa totalidade. Resulta inadmisible e resulta inoperativo, as brigadas incompletas en moitos casos, todo o verán (exemplo do 2022).