Sin categoría

O BNG non asistirá á “Festa dos Maiores” de Baiona

Como xa é tradicional, o Bloque Nacionalista Galego non asistirá á electoralista “festa dos maiores”. O actual alcalde de Baiona vén de recuperar un acto exactamente igual que os que organizaban os anteriores gobernos do Partido Popular tanto liderados polo ex alcalde Ángel Rodal como polo actual re alcaldable Jesús Vázquez Almuiña: Misa, xantar e baile.

“Este tipo de actos constitúen unha práctica política que non compartíamos cando gobernaba o PP, nin compartimos agora. É responsabilidade dos representantes públicos facer públicas as prioridades, cuestionando os canons establecidos, practicando unha nova forma de exercer a política e desterrando vellas fórmulas de servilismo. No BNG temos unha obriga moral que asumen Iago Pereira e Yasmina Moreira, constituída por aquelas persoas que apoian á formación nacionalista”, sinalan.

“As persoas maiores teñen necesidades urxentes e máis importantes como a mellora do Servizo de Axuda no Fogar, alfabetización dixital, actividades de envellecemento activo e espazos de convivencia. Do mesmo xeito, entendemos que precisamente non pode haber maior homenaxe ás persoas maiores que respectar a súa sabedoría e independencia para unha libre elección da representación política e deixar de escenificar un encontro que non busca máis que a súa complacencia a cambio dun xantar”, conclúen desde o BNG.