Dez anos convertendo os piares da AG-57 nun museo urbano

Calquera grafiteiro soña con dispoñer de metros e metros de muro onde poder dar renda solta á súa imaxinación, e o “hall of fame” do muralista local Gory está en Vilaza. Baixo o abrigo da AG-57 os seus piares sérvenlle de lenzos en branco e durante unha década este gondomareño soubo dar o mellor de si, ata o punto que o que empezou sendo o seu lugar para o desafogo persoal hoxe funciona como o seu escaparate ao mundo, o seu catálogo, e o certo é que non lle vai nada mal. Dedícase exclusivamente a pintar, unha vez que remate o último encargo comezará co seguinte e así sucesivamente ata completar tres ou catro máis que ten en cola.

“A verdade que este mes está a ser bo, non sempre teño tanto volume de traballo”, aclara. Para chegar onde hoxe está aguantou penurias e pluriemprego, pero en canto teña un oco regresará á súa orixe sen saber aínda o que vai plasmar. “Farei o que se me ocorra”, apunta. Comezou nos 90 debuxando letras e a súa propia firma, por aquel entón era o máis estendido e precisamente esta práctica, polo que reflectía, a miúdo pendía dun fío na transgresión ao vandalismo. Con todo, co paso dos anos e como calquera arte foi evolucionando, do tipografismo ás composicións pictóricas, cales sexa.

Hoxe en día é algo que se respecta, a pesar de que moitos se inclinan por chamalos murais, trinta anos despois de baleirar o seu primeiro bote de spray, Gory reivindica a súa denominación orixinal. “Os grafittis tamén progresan”, afirma. Todas as obras de Vilaza realizounas sen ánimo de lucro, miles de euros en pintura e outro tanto en horas de traballo con paciencia e algún que outro borrón. “Cando te emborrachas de debuxo o mellor é parar e volver noutro momento”, manifesta.

Gory ultima xunto ao mozo Samu Piñeiro outro proxecto moi preto deste no cruzamento que leva ao centro cultural de Vilaza e que o alcalde Paco Ferreira comprometeuse a musealizar xunto a outros espazos de arte urbana creando así unha auténtica galería. Para iso creará un roteiro a través de códigos QR.