A madrugada do pasado 30 de marzo, a patrulla da Garda Civil do SEPRONA de Tui, realiza un control ambiental na N-551, localidade de Tui, onde interceptan un camión de transporte de gando que traslada 9 tenreiros louros, aproximadamente dun mes de idade, sen o crotal identificativo. Solicítase ao condutor a documentación dos tenreiros e manifesta que non a ten, que os comprou a un tratante portugués en Vilanova de Cerveira, e que os traslada para dalos de alta nunha explotación que ten en Abegondo, A Coruña.
Intervense devandito transporte cos 9 tenreiros sen documentar e fíxase como lugar de depósito temporal a explotación do denunciado sita en Abegondo, informándolle que os tenreiros intervidos situaraos nun espazo distinto de onde se atopen os outros animais da explotación para previr a transmisión de enfermidades co resto da explotación.
A intervención cautelar durará ata que as Autoridades competentes adopten a resolución oportuna, polo que se dá traslado ao Servizo de Sanidade Animal de Pontevedra para que realicen as actuacións oportunas, os cales informan á Xefatura Territorial da Coruña, que resolven o sacrificio e destrución dos animais, por ser material de risco de categoría 1 SANDACH (subprodutos animais non destinados ao consumo humano e os produtos derivados dos mesmos), regulado no Regulamento (CE) Nº 1069/2009, do Parlamento Europeo e o Regulamento (UE) Nº 142/2011, da Comisión Europea.
Un dos tenreiros morreu na explotación ao día seguinte de chegar, segundo declarou o denunciado, quen presentou aos servizos veterinarios oficiais da Coruña o certificado da recollida de cadáver por empresa xestora autorizada.
Destacar que desde o ano 2018 existe un protocolo que establece as condicións sanitarias fronte á enfermidade da Lingua azul para os intercambios entre España e Portugal de bovinos e ovinos, prohibindo os movementos para cría ou engorde cara a zonas libres peninsulares sen cumprir os requisitos de vacinación e aínda menos sen documentación que acredite a súa procedencia ou a súa rastrexabilidade.
O SEPRONA levantou acta da actuación e formúlase denuncia á Lei de Sanidade Animal, que pode conlevar unha multa de 3.000 a 60.000 euros.

