Sin categoría

O CPA Gondomar clasifícase para o europeo tras subirse ao alto do podio español

Esta fin de semana, no Pavillón Francisco Laporta de Alcoi, Alacante, tivo lugar o Campionato de España de Grupos Show Júnior, no que o CPA Gondomar arrasou subindo ao alto do podio. Viñan de facelo no Campionato Galego que se disputou en Vigo, e outra vez posiciónanse no máis alto.

O público alzouse para aplaudir e venerar ao grupo galego que co seu programa “Mens sana in corpore patients” non deixou indiferente ao xurado. “Chámanche enfermidade autoinmune porque fibra a fibra destruireiche, conseguirei que rezumbe na túa mente cada golpe do segundeiro mentres loitas, inxenua, esta batalla”. Con ese presaxio saíu a pista o club gondomareño despregando a súa forza, a súa velocidade, a sincronización en bloque que lles caracteriza, destacando pola súa gran interpretación conxunta, así como a súa harmonía nos movementos cheos de emocións que se trasladaban ao público con cada movemento ou pirueta.

Esta nova modalidade na que se estreou o novo grupo de show gondomareño formado por 13 integrantes: Paula, Leire, Lola, Marta, Lena, Adriana, Sofía, Sara, Ainhoa, María, Joel, Xiana e Noa, as dúas últimas, integrantes do anterior show medallista mundial de Arxentina 2022. Actualmente, o CPA Gondomar vén de recoller premios nas diferentes galas do deporte do Val Miñor, nas que se lle recoñece os méritos deportivos e o esforzo dos deportistas xunto ao seu adestrador e resto de equipo técnico.

Nesta ocasión en Alcoi, o grupo show júnior atopábase conducido polo seu adestrador David Figueroa e pola súa preparadora física e coach María Nombela, conseguindo unha puntuación de 32,10 co sistema de puntuación Rollart implantado na modalidade de show no presente 2023, tanto no nacional como nas comunidades autónomas. O grupo actualmente atópase preparando a súa próxima competición, o Campionato de Europa que se disputará en Portugal, a cita prevese en Paredes o venres 5 de maio de 2023.

FOTO: ADRIÀ PETIDIER // CPA Gondomar