
A Peña Moteros Val Miñor regresa aos escenarios internacionais, como reclamo das diferentes organizacións das citas que o mundial de Trial de 2023 poñerá en valor a partir deste mes de abril, con dúas probas puntuables: Arteixo e Gouveia que, de maneira correlativa, danlle o pistoletazo de saída á presente tempada da FIM – Federación Internacional de Motociclismo.
A localidade galega será a primeira en estrearse, do 14 ao 16 de abril. O Motoclub Motomontañismo Arteixo coruñés, prepárase para organizar a súa estrea nunha proba dun mundial de Trial, sendo apertura de pano ao gran espectáculo que sempre xera a modalidade. Despois dos éxitos colleitados coa posta en valor dun Campionato de España e unha Copa Clásicos, esta primeira gran cita será a súa nova aposta nos escenarios internacionais.
Tras a proba galega e apenas unha semana despois da súa posta en marcha, o mundial trasládase ata a cidade portuguesa de Gouveia, localidade que xa albergou en edicións anteriores probas do Campionato do Mundo e Trial das Nacións, baixo a organización de Talentos Obxectivos – Clube de Enduro e Recreio.
“Por cuarta vez, non consecutiva polas cousas da Covid 19, Peña Moteros Val Miñor vai coorganizar co Moto Club Talentos Obxectivos (Figueira da Foz) a proba de Trial GP (Campionato do Mundo de Trial) en Gouveia – Portugal os próximos 21, 22 e 23 de abril. Este 2023, case se pode dicir que temos “dúas probas galegas” neste mundial de Trial. O GP inaugural do campionato dispútase en Arteixo os días 14, 15 e 16 de Abril, organizada polo Club Motomontañismo Arteixo e, como non pode ser doutra maneira, a Peña Moteros Val Miñor estará presente coa supervisión de xuíces do noso club colaborando cos amigos de Arteixo”, comenta Nano Ferro, Director de Competición e membro da Peña.
“A semana seguinte é o noso GP; en Gouveia como vimos facendo desde 2018 e tamén en 2019 e 2021 co Trial das Nacións. Para 2023, os nosos xa “irmáns de vida trialeira” volven convidar e non podemos dicir que non; en Gouveia, levamos o peso da parte técnica da carreira; deseño e marcaxe do percorrido e as zonas, e ademais dos nosos habituais xuíces de Baiona, tamén virán amigos da Coruña, Santiago, Entrimo e Asturias… mesmo virán un par de Mallorquinos e .. quen sabe de onde máis…”, matiza Ferro que formará parte da dirección de competición portuguesa.
“Para nós, unha carreira en Gouveia é como “estar na casa” nos sentimos moi ben acollidos, trátannos moi ben e, como ao final do que se trata é de gozar e facemos o que nos gusta, énos moi difícil dicir NON cando nos chaman… Esperamos que, como en anos anteriores, sexa un éxito e xa veremos no futuro…”, termina dicindo nas súas declaracións o Xuíz e Director de Competición galego.
Galicia estará representada nas dúas probas por dous dos seus mellores embaixadores: o vigués Jorge Casales (Scorpa) e o rosaleiro Gabriel Marcelli (Montesa), que se presentan como claros aspirantes a obter bos resultados neste arranque do mundial que neste 2023 albergarán 7 países.