O Partido Popular denuncia que o Concello de Gondomar pretende deixar aos colexios públicos Neira Vilas de Peitieiros, Souto-Donas, Serra-Vincios e Chano Piñeiro sen os servizos de conserxe que dende sempre atenden as necesidades deses centros escolares de primaria, o que motiva a protesta dos directores e pais dos alumnos.
Nunha nota enviada aos pais do Souto Donas estes días, os seus representantes quéixanse de que “o conserxe non vai seguir no seu posto de traballo e desde o Concello non se comprometen a contratar a ninguén para ese posto, senón que mandarán a alguén para necesidades puntuais”. Sinalan que “necesitamos unha persoa que cubra este posto de forma estable e exclusiva pola importancia que, consideramos, ten este persoal non docente para o correcto funcionamento do centro e, por tanto, da educación e atención aos nosos fillos e fillas (o tempo que o profesorado pasa facendo labores de conserxe non está atendendo ao alumnado)”, indican ademais que “hai varios centros do concello en circunstancias similares e imos intentar sumar forzas para que nos dean unha resposta o antes posible, a poder ser antes das eleccións municipais e sobre todo, antes de que remate o curso”.
“Nestes días foron moitos os pais que me fixeron saber que o Concello non estaba enviando conserxe aos centros escolares, incluso algún director me asegurou que seguían igual de mal cos conserxes, e non o podemos consentir”, indica Paula Bouzós. No mes de xullo do pasado ano, o Partido Popular de Gondomar presentou unha moción na que Paula Bouzós solicitaba que o Concello garantira a presenza do conserxe no colexio público Serra-Vincios, que foi rexeitada por Paco Ferreira e o seu equipo de goberno no pleno celebrado en setembro, argumentando que os colexios tiñan garantido a presenza dos conserxes e que o problema só era en Vincios pola actitude negativa do director do centro escolar.
A voceira do Partido Popular desconfía, e ao mesmo tempo asegura, que o que pretende Paco Ferreira é quitar os conserxes dos colexios públicos, “que polo que se ve é certo, xa que agora son máis os colexios que se queixan da falta de conserxe nas súas instalacións”. “Consideramos moi importante que os centros escolares conten con todos os servizos necesarios para garantir unha educación de calidade aos rapaces de todo o concello de Gondomar. O alcalde non é totalmente consciente da importancia da figura do conserxe nos centros educativos de educación inicial e primaria, por iso non lle importa que os centros escolares non teñan un conserxe dedicado o que inflúe tamén na calidade da educación que reciben os nosos cativos. Pedimos e esiximos ao Sr. Ferreira, que atenda as necesidades dos colexios públicos do noso concello e que comece por garantir a presenza dun conserxe nos catro centros de primaria que temos no concello de Gondomar”, argumenta Paula Bouzós.

