O PP de Nigrán denuncia o estado dos lavadoiros municipais “apenas seis meses despois da súa rehabilitación”

A candidata á alcaldía de Nigrán polo Partido Popular, María José Pino, lamenta a falta de mantemento dos lavadoiros municipais das parroquias de Camos, Parada, Priegue e Panxón, que seis meses despois da súa rehabilitación transmiten unha imaxe canto menos descoidada. “De pouco serve investir decenas de miles de euros na súa recuperación se despois non se destina nin un minuto ao seu mantemento”, asevera Pino, referíndose aos elementos que foron obxecto do primeiro plan de recuperación de lavadoiros por un importe superior a 100.000 euros.

“A esta clara falta de conservación, ademais, hai que sumarlle traballos mal executados, con canalizacións de auga mal rematadas, feitas de calquera xeito, con tubaxes ao aire e mesmo cheas de entullo sen recoller como no caso do lavadoiro de Suapena en Camos. Dá a sensación que as actuacións se fixeron de calquera xeito, con présa e deixando os traballos a medias”, incide. Para Pino estes resultados resultan paradoxais, sobre todo e tendo en conta que as actuacións se anunciaron por primeira vez en 2019 e dilatáronse en case tres anos, supostamente polas autorizacións de Patrimonio, e que medio ano despois os lavadoiros atópense abandonados e algúns deles impracticables, por exemplo o de Rial, tamén en Camos.

“Menos mal que o seu uso por parte dos veciños é anecdótico, porque resulta complicado entrar sen encherche de barro ata os xeonllos”, manifesta. Para rematar, desde o PP local animan ao alcalde Juan González “a que ademais de telo todo preparado para a foto preocúpese un pouco máis a medio prazo e que arrombe os lavadoiros e fontes que acaban de rehabilitar”.