
O Partido Popular de Baiona acusa o alcalde, o socialista Carlos Gómez, de estar a realizar ilegalmente as obras de humanización do Barrio da Anunciada. A Lei de Contratos do Sector público di que a execución do contrato de obras non pode iniciarse ata o levantamento da acta de comprobación de replanteo, que se configura como un acto formal que precisa da comparecencia da Administración Pública e o contratista.
Con todo, segundo os populares, o departamento de Intervención do Concello advirte ata en dúas ocasións de que no expediente desta humanización non consta dita acta de replanteo. “E sen que se emendara esta falta de documentación por parte dos responsables do goberno local, a empresa adxudicataria presentou facturas por valor de 53.500 euros divididas en tres certificacións. Facturas que o Concello xa pagou por empeño persoal do alcalde, que levantou o reparo suspensivo emitido polos técnicos municipais, que velan polo cumprimento da lei, ao tratarse dunha obra que non contaba con toda a documentación necesaria para poder executarse. Non tela obrigaría agora á paralización inmediata dos traballos, a ruptura do contrato e supón a comisión dun delito grave por parte do rexedor por consentilo. Outro máis dunha longa lista de incumprimentos legais desde o inicio do mandato en 2019”.
As obras dobran o prazo de execución permitido
Pero a ausencia deste trámite nas obras do Barrio da Anunciada non é o único quebrantamento legal. O contrato recolle que o prazo de execución dos traballos é de 60 días, precisamente, contados desde a firma desa acta de comprobación de replanteo. Se as obras comezaron no mes de novembro, desde entón xa pasaron catro meses, o dobre do tempo permitido. Outro incumprimento moi grave por parte do alcalde que pode levar a que as empresas que quedaron excluídas no concurso presenten unha reclamación que acabe impugnando a licitación e demanden unha indemnización polas perdas causadas. “Se non hai acta, como se pode saber cando ten que estar terminada?”, pregúntanse desde o PP de Baiona.
Paralizadas e sen seguridade para os veciños
Os veciños do Barrio da Anunciada están moi molestos porque estas obras, que xa desde un inicio arrancaron sen contar con eles e con total descoordinación, agora atópanse paralizadas sen que desde o goberno local se explicase o motivo e sen que exista ningún documento asinado pola dirección de obra que xustifique este parón. Esta suspensión repentina dos traballos ocasiona unha total falta de seguridade para os usuarios dos viarios e unha incomodidade diaria innecesaria.
O PP baionés considera a xestión desta humanización outra “chapuza” máis deste goberno tripartito PSdeG, BNG e NOS por o cúmulo de ilegalidades que arrastra e pola falta de diálogo cos veciños.