Baiona, capital galega do deporte inclusivo coa celebración do IV Torneo Integra

Baiona é esta fin de semana a capital galega do deporte inclusivo coa celebración do IV Torneo Integra Vila de Baiona. Nesta edición participan, ademais do equipo local, o Erizana FC, a Fundación Celta Integra, R.C. Deportivo da Coruña, Real Sporting de Xixón, Rácing de Ferrol, CD Lugo e SD Ponferradina. Este torneo fomenta a integración das persoas con diversidade funcional. “Queremos que Baiona sexa unha vila inclusiva en todos os aspectos, e por suposto o deporte é unha plataforma incrible para Integrar a todas as persoas e colectivos”, asegura Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona.

Encadrado no tradicional Torneo de F8 Vila de Baiona que organiza o Erizana C.F., o Torneo Integra converteuse nun evento que vai máis aló do puramente deportivo e que ano tras ano acolle Baiona cunha gran implicación social. O Torneo Integra disputouse entre as 16:30 e as 20:30 horas no campo do Aral. Ás 21:00 horas celebrouse a cerimonia de entrega de medallas, e a continuación, unha cea de confraternización coa actuación do Grupo de Integración Ardelume, para finalizar cun acto lúdico en Villa Rosa.

O domingo, día 2, entre as 10:00 e as 13:00 horas, como complemento lúdico a unha xornada de convivencia, os participantes realizarán un paseo pola baía de Baiona con desembarco nas Illas Cíes se o tempo permíteo. Ás 13:30 horas celebrarase o acto de clausura cunha mesa redonda baixo o título “A loita pola inclusión desde diferentes campos”, con Pilar Rodríguez (A música como vía de inclusión); Centro Juan María (A experiencia dun proxecto empresarial); Álex Abalde e Fran Rodríguez (Os comezos do deporte inclusivo); e Rafael Lores (Unha mirada atrás na cultura da inclusión).