Correos reactiva o transporte de mochilas no Camiño Portugués desde Tui e A Guarda

Os peregrinos que realicen o Camiño Portugués este ano poderán camiñar sen cargar coa súa equipaxe grazas ao Paq Mochila de Correos. Desde o 1 de abril está activo este servizo de transporte de mochilas e maletas dos peregrinos dun aloxamento a outro nos principais roteiros do Camiño de Santiago.

Ademais do Camiño Portugués desde Tui e A Guarda –incluída a Variante Espiritual-, o peregrino pode contratar o seu traslado de equipaxes no Camiño Francés desde Roncesvalles e Somport, no Camiño do Norte desde Irún, no Camiño Primitivo desde Oviedo, no Camiño Inglés desde Ferrol, no Camiño de Inverno desde Ponferrada, na Vía da Prata-Camiño Sanabrés desde Ourense e no Camiño a Fisterra e Muxía.

O funcionamento do servizo Paq Mochila é moi sinxelo. O carteiro pasará a partir das 8:00 da mañá para recoller a equipaxe dos peregrinos que reserven este servizo no aloxamento indicado e deixarao no seguinte antes das 14:30 horas. Isto permite percorrer as diferentes etapas sen necesidade de cargar coa equipaxe. O Paq Mochila pode contratarse na web http://www.paqmochila.com a través dun sinxelo formulario dispoñible en nove idiomas.

Ao chegar a Santiago de Compostela, os peregrinos tamén poden beneficiarse do servizo de consigna que Correos ofrece na oficina de Rúa do Franco, 4, a dous minutos da Praza do Obradoiro. Este servizo está dispoñible todos os días, de luns a domingo de 8:30 a 20:30 horas e pódese contratar na web http://www.elcaminoconcorreos.com.

Outros servizos de Correos no Camiño de Santiago

Correos tamén pon ao dispor de todos os peregrinos outros servizos específicos para resolver as súas necesidades de transporte, como o Paq Peregrino, para o envío de maletas e paquetes a calquera punto do Camiño de Santiago. A contratación deste servizo tamén se pode facer en liña e permite escoller a recollida en propio domicilio ou nos aloxamentos do Camiño.

Para aqueles que decidan realizar o Camiño en bicicleta, Correos conta co Paq Bicicleta, un servizo de envío de bicicletas ao comezo do roteiro ou de volta ao finalizar o Camiño.

Toda a información sobre estes e outros servizos de Correos para o Camiño de Santiago está dispoñible na páxina web http://www.elcaminoconcorreos.com, onde o peregrino tamén poderá atopar onde durmir nun buscador con máis de 4.000 aloxamentos, descrición dos Roteiros Xacobeos máis populares e máis de 300 consellos de que ver e facer no Camiño por parte dos carteiros.