A Praia de Patos volve acoller a 1ª Etapa da Liga Galega de Surf Júnior e Kids

Esta fin de semana na Praia de Patos (Nigrán) celebrarase a primeira etapa da Liga Galega de Surf Júnior e Kids na que competirán todas as categorías feminina e masculina de Sub 21, Sub 18, Sub 16, Sub 14, Sub 12 e Sub 10 Mixto. A Federación Galega de Surf, coorganizadora da proba xunto a Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, deu o pasado martes o visto e prace á celebración desta proba na que competirán novos riders de toda Galicia. O sábado despois da entrega de premios haberá festa de celebración El Monopatín (Rúa Tomás Mirambell, 101, 36340 Nigrán) en que se poderán ver as fotos da xornada e na que haberá actuación en directo da banda Killer Spirit, liderada por Antón San Ildefonso, quen é á súa vez integrante e rider de Prado Surf Club.

Esta é a segunda fin de semana consecutiva que Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán volven acoller na Praia de Patos unha competición de surf, xa que a fin de semana pasada celebrouse alí tamén a primeira proba da Liga Nacional Surfing Kids 2023. A 1ª Etapa de Liga Galega de Surf Júniors e Kids está organizada pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana, Solo Imprenta e Clínica Dental Fontán & DeBrito, e coa colaboración especial de Mission Surf Shope, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Deporte Galego.