Gondomar cederá as aulas da antiga escola de Donas ao “Movemento Veciñal da Escola de San Cibrán”

O Concello de Gondomar e o recentemente creado “Movemento Veciñal da Escola de San Cibrán”, na parroquia de Donas, firmarán un convenio polo cal o Concello cederá o uso das aulas da antiga escola para as actividades organizadas por este colectivo. O obxectivo do goberno local con esta cesión é o reforzo do tecido asociativo en todas as parroquias do municipio e potenciar as actividades culturais, deportivas, formativas e de ocio que esta asociación levará a cabo.

O Concello xa realizou algunhas melloras nas instalacións da antiga escola para que este movemento veciñal poida realizar as súas actividades nas mellores condicións, e proximamente se realizarán outras reformas no inmoble a través dunha subvención solicitada á Deputación de Pontevedra.

O alcalde Paco Ferreira quixo destacar que “é moi importante que dende a administración local se apoie o tecido asociativo da nosa vila, xa sexa no ámbito veciñal, cultural ou deportivo e impulsemos iniciativas tan positivas como a que están levando adiante neste caso veciñas como Mari e Rocío, ou moitas outras que levan anos traballando para que este movemento veciñal poida ser xa unha realidade”.