Sin categoría

Baiona recupera o encontro das persoas maiores

Tras anos sen poder celebrarse debido ás restricións sanitarias derivadas da pandemia, o encontro das persoas maiores do Concello de Baiona regresa en 2023 o vindeiro xoves 13 de abril. O Concello de Baiona encóntrase inmersa nos preparativos deste encontro e xa está a enviar as cartas por correo postal aos veciños e veciñas do municipio. Desde a administración local anímase ás persoas maiores de 65 anos empadroadas no Concello de Baiona a participar nunha xornada de convivencia, que volve celebrarse tras o parón da pandemia. A xornada comezará ao mediodía cunha misa na Ex-Colexiata e, desde alí, as persoas participantes serán trasladadas en autobuses ata o restaurante Rocamar onde poderán gozar dun xantar de irmandade con baile.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “desde o Concello de Baiona iniciamos esta proposta, entendendo que os nosos veciños e veciñas que desfruten da xubilación deben ser recoñecidos como o piar onde nos sustentamos o resto da poboación e que grazas a todos e todas, podemos gozar da nosa vila. É por elo que teño o pracer de convidalos a este encontro para mostrar o noso agradecemento e que teñan a oportunidade de reencontrarse unha vez máis”. O rexedor finaliza destacando que “puxemos altas doses de ilusión e agarimo na organización desta xornada de convivencia na que os nosos veciños e veciñas máis maiores poderanse reencontrar tras estes duros anos de pandemia”.

O vindeiro martes 4 de abril en horario de tarde ábrese o prazo de inscrición

As persoas maiores de 65 anos interesadas en participar na comida de convivencia deberán recoller as invitacións no Hall do Concello de Baiona, en horario de 16:00 a 18:00 horas, a partir do vindeiro martes 4 de abril, o 5, o 10 e o 11 deste mes, máis tarde desta data non se dará ningunha invitación. Tamén poderán acudir á xornada as parellas por matrimonio ou convivencia dunha persoa maior que cumpre con estes requisitos e así figuran no Padrón Municipal. Será necesario presentar o DNI. A entrega de invitacións farase ata completar o aforo do restaurante de 650 comensais. Unha vez superado dito aforo farase unha lista de reserva por orde de inscrición.

Autobús desde as parroquias

O Concello de Baiona pon a disposición das persoas interesadas un servicio de transporte dende as distintas parroquias do municipio. Así mesmo, se anotará ás persoas que farán uso do autobús, e dende que parroquia. Os que vaian en coche propio deben lembrar que o restaurante estará pechado ata que cheguen os autobuses.

Programa

A partir das 11:30 horas os autobuses pasarán a recoller ás persoas polas paradas habituais das parroquias de Baredo, Baíña, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa.
Ás 12:30 H Misa na Igrexa Ex-Colexiata de Baiona.
Ás 14:00 H Xantar de Irmandade con baile.
Ás 19:00 H Finalizará o baile e sairán os autobuses de regreso ás parroquias.

Non se farán reservas por teléfono.