Asier González chega ao Memorial Valenciaga como terceiro clasificado na Copa de España

A fin de semana máis intensa do Vigo-Rías Baixas no que vai de tempada empeza xa este venres. A estrutura presidida por José Luis Chamorro afrontará tres competicións no próximos tres días e a primeira en arrancar será a Challenge Alacante Interior. O sábado uniráselle a Challenge Volta o Barbanza do calendario júnior e o domingo chegará o prato forte do programa flúor: o Memorial Valenciaga en Eibar coa xeral da Copa de España en xogo.

Empezando polo final, a cita guipuscoana non só trátase da cuarta xornada do certame estatal, senón que é considerada a carreira máis prestixiosa do ano para o pelotón elite-sub23 español. Na súa 52ª edición o Memorial Valenciaga varía de percorrido e non finalizará no mítico alto de Arrate. A meta estará situada en Eibar, onde finalizaba antes da pandemia, e nos seus 163 quilómetros sobresae un dos seus cinco portos de montaña, o de Ixua (1ª categoría), que se coroa a menos de 30 km para a meta.

O Vigo-Rías Baixas chega a este desafío para escaladores capitaneado polo terceiro clasificado na xeral da Copa de España. Grazas ao segundo posto logrado o pasado domingo en Ontur (Albacete), Asier González situouse con 167 puntos, a un do segundo posto e a 55 do liderado. O burgalés estará acompañado por Miquel Valls, Juan Pablo Ortega, Martín Barrero, Pelayo Alonso, Marcos García e Bernat Tarrés. Un “sete” que contará ao volante con Djamel Avendaño como director.

Outra aliñación que aspira ao máximo presentará a escuadra olívica desde este venres na Challenge Alacante Interior. Ás ordes de Jesús Blanco Villar correrán durante tres días Keegan Swirbul, Pablo Ara, Aitor Bugarín, Alex Durrant-Whyte, Miguel Marques, Sergio Quevedo e un corredor que a pasada fin de semana subiu ao podio do Campionato de España Omnium de Pista celebrado en Palma de Mallorca. O abulense Noel Martín colgouse a medalla de bronce defendendo as cores da selección de Castela e León.

A segunda edición da challenge alacantina arranca cunha contrarreloxo individual de 3 quilómetros e tras o aperitivo do prólogo haberá moita montaña. Tanto a xornada do sábado como a do domingo acaban en altos de 1ª categoría, no porto de Reconco e no da Font Roja, respectivamente. As tres carreiras desta cita, na que tamén haberá unha clasificación xeral, reparten puntos para as clasificacións da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

Por outra banda, o equipo júnior do Vigo-Rías Baixas competirá durante a fin de semana na Challenge Volta o Barbanza, proba do calendario estatal e que dá inicio á Copa Galicia do Porvir. Os pupilos de Pedro Valverde terán como xefe de filas a Sergio Calvo, que buscará prolongar a súa serie de vitorias. O xuvenil ourensán anotouse nos últimos quince días unha carreira en Fafe (Portugal) e outra no concello coruñés de Oroso.