
Nada menos que un cuarto de século competindo en rallyes cumprirá Alberto Meira neste 2023. Desde que debutase naquel Botafumeiro de 1999 sucedéronse un subcampionato de España e dous campionatos galegos, sendo oito veces subcampión autonómico e logrando nada menos que 24 vitorias absolutas.
Continuando a bordo do Skoda Fabia R5 e con Avelino Martínez á súa dereita, Alberto Meira preparou moi ben esta tempada, onde a principal novidade será que na súa montura xa non predominará a cor amarela tras dúas décadas recorrendo a esa cor, e será substituído por azul, vermello e gris sobre a montura checa.
Aínda que conta con varios rivais de categoría na loita pola Copa Top Ten Pirelli A e o Supercampionato Galego R5, o piloto gondomarense móstrase confiado fronte á competencia, que regresa ao campionato autonómico e deberá adaptarse de novo á velocidade do certame.
A primeira cita do ano será na Coruña, onde Meira sempre tratou de dar a súa mellor versión fronte aos pilotos locais, ben coñecedores do terreo, para comezar da mellor maneira posible unha tempada onde terá máis importancia a velocidade que a regularidade, pois a eliminación de coeficientes e o aumento de resultados a descartar (ata 3 para 9 probas) farán que as vitorias primen máis aínda.
O equipo AMF Motorsport encara a proba coruñesa coa mesma ambición e a mesma fame que en pasadas tempadas, disposto a obter os mellores éxitos e a máxima repercusión para os seus patrocinadores.
A cita herculina terá un rutómetro configurado por catro especiais a dobre pasada, que aínda que non cambian en canto a localización, si no que se refire a percorrido, destacando o renovado tramo de Aranga e as variacións en Coirós e Cerceda máis parecidas a 2020, mentres que o de Arteixo-Culleredo mantense invariable respecto ao ano pasado.