Un total de 36 proxectos chegaron ao Startup Day de ViaGalicia na sede de Vigo, que hoxe deu o pistoletazo de saída á sétima edición da aceleradora cunha xornada de traballo no Centro de Negocios de Zona Franca en Porto do Molle, tras a xornada de Lugo o pasado luns. Para darlles a benvida estiveron o delegado do Estado, David Regades; a subdirectora de Investimentos e Startups do Igape, Fany Suárez; e o alcalde de Nigrán, Juan González.
O delegado da Zona Franca, David Regades, destacou que “ViaGalicia, que naceu da man do Consorcio como ViaVigo, cumpre dez anos de éxito na súa actividade, cun total de 78 proxectos innovadores de emprendemento apoiados, que crearon uns 550 empregos”. David Regades explicou aos promotores das startups que “estamos aquí para axudarvos no voso camiño, para fortalecer e consolidar o voso proxecto” e sinalou que “se vos apoia para transformar un proxecto nunha realidade empresarial sólida, rendible e sostible”.
Dos 36 proxectos da sede de Vigo, un total de 19 son de Vigo cidade, 3 de Nigrán, 2 de Ourense, 2 da Coruña e un no caso dos municipios de Pontevedra, Porriño, Muros, Madrid, Gondomar, Tui, Sanxenxo, A Estrada, Salvaterra e Derio (Biscaia).
Todos eles súmanse aos 20 proxectos que iniciaron o seu traballo na sede de Lugo. Son 12 da provincia da Coruña, 7 da provincia de Lugo e un de Ourense. Por localidades 7 son da Coruña cidade e o resto das Pontes, Camariñas, Negreira e Santiago. Os de Lugo, 6 son da capital e outro de Begonte.
En total 56 proxectos que pasaron o primeiro corte, dun total de 143 iniciativas empresariais que presentaran as súas propostas á sétima edición da aceleradora ViaGalicia. Finalmente seleccionaranse 15.
O principal obxectivo do programa, ao que se incorporou nas últimas edicións a Xunta de Galicia, é a aceleración de proxectos innovadores e invertibles, aos que se acompaña na súa validación, posta en marcha, financiamento e maduración.
O Programa de Alto Rendemento ten unha duración estimada de 18 meses, desde o lanzamento da convocatoria. Combínase, baixo a supervisión dun equipo de expertos en emprendemento, unha serie de elementos, como son a formación, titorización, mentoring, un espazo de traballo en coworking e a achega de financiamento para iniciar o proxecto.
Cada edición consta de 6 fases: Convocatoria, Startup Day, Academia, Demo Day, Aceleración e Investors Day. Ao longo do programa, avalíanse os progresos dos equipos participantes coa finalidade de que os mellores proxectos sexan presentados a investidores e socios industriais.
Financiamento para as 15 startups seleccionadas
O programa, que se desenvolve en colaboración coa Xunta, outorgará a cada unha das startups seleccionadas para entrar na aceleradora unha subvención directa de GAIN de 25.000 euros. Ademais, VigoActivo e XesGalicia contan cun fondo total de ata 1,5 millóns de euros, para financiar ás startups seleccionadas.
Estes son os proxectos da sede de Vigo:
1.- BEFLAMBOYANT. Deseñan e fabrican calzado vegano, sostible, de comercio xusto e unisex, á vez que crean consciencia como estilo de vida. Sector téxtil, moda (Pontevedra).
2.- CERTIFIX. Certifix é unha plataforma de ITV dixital que realiza a inspección de vehículos matriculados en España de forma remota. Sector automoción (Vigo).
3.- ODS PROTEIN. ODS Protein produce proteínas alternativas a partir de fermentación fúnxica, revalorizando subprodutos da industria alimentaria. Sector agroalimentario e pesca (Vigo).
4.- BAWSE. Bawse é un selo discográfico baixo demanda de artistas. Sector TIC (Vigo).
5.- SMARTFLEXCELL. Crearon unha solución patentada que permite flexibilizar a única parte que aínda era ríxida na robotización de procesos. Sector automoción (O Porriño).
6.- ACRE. ACRE é un SW de xestión do espazo aéreo de UAV en emerxencias, para sector público e privado, innovando nos procedementos empregados. Sector aeroespacial (Vigo).
7.- DOOROTI. Dooroti é unha rede colaborativa de alugueiro flexible e automatizado de prazas de garaxe. Conectan espazos con vehículos. Sector transporte e loxística (Vigo).
8.- É CIENCIA EDITORA. Proxecto editorial de libros de coñecemento en galego, libros vinculados ao territorio e dirixidos ao público infantil e xuvenil. Sector comunicación e publicidade (Muros).
9.- DIGMUS. Unha plataforma de streaming para arte dixital, que usa a blockchain para xestionar os dereitos de propiedade intelectual e a súa venda. Sector cultura e lecer (Madrid).
10.-VANCUBIC. Sistema modular para camperizar furgonetas para todos aqueles que teñan unha furgoneta que queiran utilizar tamén como casa rodante. Sector automoción (Vigo).
11.- LA VANETTA. Elaboración e venda de produtos a partir de carnes vexetais, mantendo tradicións e gastronomía a vexetarianos, veganos e flexitarianos. Sector agroalimentario e pesca (Gondomar).
12.- VI&GO. Xestión da carga de vehículos con batería extraíble, mediante estacións de intercambio de baterías, dirixida a particulares e empresas. Sector servizos empresariais. (Vigo).
13.- FishNet. Feira virtual para comercializadores de produtos da pesca. Onde vender seguro e comprar con garantías sen custes financeiros. Sector agroalimentario e pesca (Vigo).
14.- BIOSPORTY. En BIOSPORTY formulan con recursos naturais solucións BIO certificadas con actividade terapéutica para o sector saúde e deporte. Sector perfumería e cosmética (A Coruña).
15.- PROPLANTAE. ProPlantae é unha empresa do ámbito da sanidade vexetal que ofrece solucións innovadoras para unha agricultura sostible. Sector agroalimentario e pesca (Vigo).
16.- 5SPECIAL. É unha filosofía de vida romántica na fabricación de roupa e pezas artesás para un público internacional do motor e a aventura. Sector téxtil, moda (Tui).
17.- GUEPARDO STORE. Asesoramento, reparación e venda de produtos para coches en áreas de servizo. Sector químicos e plásticos (Nigrán).
18.- MININOLAS. Fabricar gominolas con: vitaminas, probióticos, melatonina. Sen azucre, veganas, CBD Dirixida ao sector saúde. Sector agroalimentario e pesca (Nigrán).
19.- SEA. SEA é unha ferramenta que habilita a arquitectos e enxeñeiros para realizar proxectos máis sostibles, e así cobrar máis polos seus servizos. Sector servizos empresariais. (Vigo).
20.- SQUIZY. Ferramenta para desarrolladores que xera aplicacións CRUD con control de permisos granular e auditoría a partir dun modelo de datos. Sector TIC (Vigo).
21.- ONENTE GAMING. Onente Gaming dispón de centros de lecer dixital con foco no gaming e os videoxogos para gozar dunha experiencia de xogo óptima. Sector cultura e lecer (Vigo).
22.- ARA DE REY. En Ara de Rey crean pezas únicas, deseñadas e confeccionadas desde cero integramente en Galicia. Sector téxtil e moda (Sanxenxo).
23.- CAPPTUS. Startup tecnolóxica que ofrece un Saas para dixitalizar as operacións de campo das axencias de viaxes. Sector TIC (Vigo).
24.- SOUL AUTO. SoulAuto é a primeira plataforma española na internet de referencia de compra-venda de coches especiais mediante poxas. Sector outros bens de consumo (Ourense).
25.- LUO KAI ELECTRICS. Resolver o problema do cambio de batería que necesita un vehículo híbrido unha vez que perdeu a súa garantía a un prezo axeitado. Sector automoción (A Estrada).
26.- EBOL FERTILITY. Desenvolvemento de software para clínicas de reprodución asistida que permita a xestión integral de todos os implicados na asistencia. Sector saúde e medicina (Nigrán).
27.- RAÍZES PARQUE DEL RECUERDO. Primeiro crematorio, tanatorio e cemiterio ecolóxico para mascotas de España. Sector outros servizos empresariais (Vigo).
28.- NTENTE. Ntente é unha plataforma omnicanal dirixida a Marcas e Retallistas que posibilita o compartir stock entre estes de forma selectiva. Sector TIC (Vigo).
29.- FUOCOAIR. Primeiro sistema de calefacción e ventilación simultánea para vivendas unifamiliares, partindo dunha simple estufa de biomasa. Sector enerxía, recursos naturais (Vigo).
30.- HEBRA FINCAS. Aplicación web que automatiza e dá maior solidez xurídica aos procesos de reclamacións de débedas de comunidades de propietarios. Sector servizos empresariais (Vigo).
31.- GOTRUCKI. Unha APP que serve de “mercado” para a negociación e contratación entre usuarios e evitar paradas obrigatorias. Sector transporte e loxística (Salvaterra de Miño).
32.- LUXSIT. Espectáculos de luces con drons. Sector aeroespacial (Ourense).
33.- NÉBODA. Néboda é un produtor de cultivos de alto valor que a través da súa tecnoloxía propietaria revolucionará a agricultura. Sector agroalimentario e pesca (Vigo).
34.- BEXREAL. Sistema baseado en RA/RM que busca materializar a visualización e interacción con parques e polígonos industriais a través de modelado 3D. Sector TIC (Derio, Biscaia).
35.- ITG DRONESOLUTIONS. Poñer no mercado solucións innovadoras e complementarias para o sector de UAVs. Diferéncianse na posición tecnolóxica e filosofía. Sector aeroespacial (A Coruña).
36.- FUTURE HOUSE. Desenvolvemento de sistema de construción eficiente e rápido “tipo Lego” de vivendas unifamiliares que recorta tempos e custos de construción. Sector construción (Vigo).

