Baiona entrégase á poesía esta fin de semana co II Festival Poético “Baiverso”

Este sábado, 1 de abril, e o domingo, día 2, os Xardíns da Casa da Navegación de Baiona acollerán o II Festival Poético do Concello de Baiona “Baiverso”. Os asistentes a este evento, onde a poesía e a música serán as principais protagonistas, poderán gozar da variada oferta cultural programada para a ocasión pola Concellería de Cultura. Un programa do máis atractivo para desfrutar da poesía/música/obradoiros no Xardín da Casa da Navegación xunto ao escritor e poeta catalán Eduard Velasco, o proxecto Isaura & Co coa súa cantante Miri, a dinamizadora cultural e poeta Yolanda Castaño e os músicos do GazzFunkdation (Gustavo Hernán Pérez Oubel, David Outumuro e O Menda), o Obradoiro de lettering do estudio Sopadeletras, a compositora e cantante Su Garrido e a poeta Alicia Savaxe.

O sábado a cita será ás 18:00 horas con Eduardo Velasco # Isaura&Co + Gazzfunkdation soará a unha enérxica e elegante fusión jazz-funk chea e frescura e sabor urbano a cargo do colectivo galego. Ás 19:00 horas poderase gozar de Idioma da Tinta, de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos. O domingo ás 11:30 horas haberá un obradoiro de “Lettering” para o que é necesario facer reserva previa no 986385921 ou en xuventude@baiona.gal. Ás 12:30 horas en sesión vermú a cargo de Su Garrido + Alicia Savaxe.

O II Festival Poético do Concello de Baiona “Baiverso” enmárcase dentro dun programa de actividades que se desenvolve para conmemorar o día 21 de marzo, Día Internacional da Poesía, a data escollida pola UNESCO para conmemorar unha das formas máis prezadas da expresión e identidade e lingüística da humanidade: a poesía. A programación foi impulsada pola Biblioteca Municipal de Baiona e a Concellería de Cultura co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética.