Os baioneses que poñen cara ao grupo “Val Miñor Diario”

Non son todos os que están, pero si todos os que son. Os tres baioneses da imaxe forman parte da páxina “Val Miñor Diario” e entre eles, o seu creador, Jaime Santos Leyenda, de 57 anos, Maleni Gallego Pérez de 54 e Tatiana Álvarez de 34. Xunto a María Monserrat Fernández Morell e Pedro Telmo, que non puideron acudir por motivos persoais, poñen cara á administración dun grupo que día tras día mantén un ritmo de publicacións brutal, ata o punto que desde a súa creación a finais de outubro de 2019 acumula máis de 14.000 seguidores, cun crecemento a razón de preto de 4.500 persoas anuais.

Desde aquí o acceso á actualidade é total, pero tamén a outras seccións como unha de fotografías antigas acumulando máis de 650 instantáneas de diferentes lugares e veciños, enquisas sobre temas de interese, os resultados da Arribada ou outras con máis polémica como a supresión da cetrería nesta celebración; alertas sobre danos ou a falta de mantemento de espazos públicos tamén teñen cabida e contan coa participación dos tres alcaldes da comarca. O certo é que o que levan a cabo día tras día sen retribución algunha, é un auténtico labor para a comunidade. Para eles non existen festas, descansos nin festivos, todos os días son luns. E é que as súas estatísticas quitan o salouco, nos dous últimos meses acumulan máis de mil publicacións, 10.500 comentarios e 41.000 reaccións.

A historia desta comunidade comezou do desasosego, a desgana de levar xestionando outra páxina similar para unha terceira persoa sen obter ningún tipo de recoñecemento. Aos tres anos Jaime dixo basta. Tras seis meses en barbeito ocorréuselle xunto á súa muller crear a que hoxe é un referente comarcal. “Cantos máis sexamos mellor”, indica. A todo o anteriormente mencionado hai que sumar o traballo de campo, os paran pola rúa e os veciños lles fan suxestións. Lonxe de supoñer un problema eles tradúceno á linguaxe das redes a fin de que se solucione, xa sexa unha papeleira en mal estado, un reloxo perdido, ou un espazo sen rozar, aínda que isto non sempre gusta. Inevitablemente ás veces xorden os partidismos, pero aseguran que tratan de manterse á marxe deste tipo de afirmacións.

Como é lóxico, manter a orde nunha comunidade destas características tradúcese en horas inxentes de traballo diario que compaxinan coas súas vidas persoais xestionadas a golpe de móbil. “O computador utilízao a miña filla”, comenta o seu promotor entre risas. A actividade comeza ás 8 da mañá, Jaime e Maleni comezan a seleccionar todas as informacións publicadas en medios tradicionais e dixitais relacionadas con Nigrán, Baiona e Gondomar, aproban denuncias ou publicacións de usuarios relacionadas con obxectos perdidos, entre outras. Pedro colabora puntualmente corrixindo textos e xerando contido; Tatiana, a última fichaxe como expresidenta da protectora Baisenpulgas, da sección de animais e María leva as ofertas de emprego en Val Miñor e arredores, entre todos cóbrense cando o outro non pode coordinados a través dun chat colectivo por WhatsApp. Esta é só unha pequena parte da organización, porque moderar a 14.000 usuarios pode converterse nunha tarefa moi complicada, isto é o que ten máis chicha. O respecto mutuo é unha máxima que levan a machada pero non todo o mundo enténdeo, a miúdo o dereito á liberdade de expresión deriva en improperios o que obriga a bloqueos, algúns permanentes e outros a modo de advertencia.

Polo momento non teñen obxectivos que cumprir máis aló de seguir como ata o de agora, cunha carta de ruta definida baseada en manter a orde e participación e o certo é que tampouco necesitan exporse unha meta, os datos confirman que haberá grupo para longo e que seguirá crecendo como ata o de agora.

Campañas co comercio, solidarias ou sorteos

A esencia do grupo de Facebook radica na participación e para manter vivo este espírito levan a cabo iniciativas que escapan aos debates e á actualidade. Os sorteos comezaron en pandemia e o comercio local envorcouse na iniciativa a pesar de que todo estaba moi parado. “Uns colaboraban cunha botella de viño, outros cun corte de pelo, mariscadas, masaxes, ceas durante cinco días ou reloxos”, explican. Un “quid pro quo”, mentres os locais implicábanse cos premios eles publicitábanos, celebraban un cada 15 días, agora cando están de aniversario.

Tamén puxeron en marcha campañas solidarias de crowndfounding como a iniciada en outubro de 2021 para axudar a Alpha, un vendedor ambulante ao que lle roubaron unha bolsa con 20 mochilas e pola que lograron recadar máis de 600 euros. Pero tamén a de Aleix en xuño de 2022, un neno de Gondomar que padece unha enfermidade rara única en España logrando máis de 2.000 euros que posteriormente lles foron entregados á familia.

Val Miñor Diario vai da man doutras dúas, Val Miñor Recomienda (orientada a negocios) e Somos do Val Miñor (fotografía). Con esta última levan a cabo un concurso semanal, a imaxe que leve máis me gusta da semana pasa á portada da dedicada a actualidade.