Sin categoría

Jorge Puig e Alice Finot impóñense na XXII edición do Medio Maratón Vig-Bay

Jorge Puig Malvar proclamouse este domingo campión absoluto no XXII Medio Maratón Vig-Bay. Ás 10:30 horas, os atletas partían desde a Avenida de Samil para completar os 21.097,5 metros de percorrido por Vigo, Nigrán e Baiona. O pontevedrés fíxoo en 1:07:27, a máis de 1 minuto do arousán Pablo Otero Fariña (1:08:57), que cruzou a meta en segunda posición. O terceiro lugar foi para o ourensán Alejandro Fernández Rivera, cun tempo de 1:09:15.

En categoría feminina, a primeira atleta en cruzar a meta situada na Rúa Elduayen foi a francesa afincada en Ponteareas Alice Finot, que completou o percorrido en 1:15:25. Máis de 5 minutos despois chegaba a viguesa Sandra Mosquera Losada (1:20:36), e pechando o podio, a tamén viguesa Zoé Cardin, cun tempo de 1:22:22.

En triciclo, handbike e joelette, a vitoria foi para Aitor Rivera Estévez (45:16). Daniel Prada Grarcía (48:54) ocupou a segunda posición e Alejandro González Pernas (49:06) a terceira. En categoría feminina, a gañadora foi María del Carmen Gómez Astariz (49:29), seguida de Eva García González (49:43) e Vanesa Lea Otero (50:09).

O ourensán Manuel González Martínez converteuse no gañador da II Minibay, proba que comezou a tamén ás 10:30, completando os 10,5 quilómetros de percorrido entre Panxón e Baiona en 35:48, a 33 segundos do vigués Jesús Fernández Soengas (36:21), segundo. Celso Comesaña Pereira (36:49), tamén de Vigo, cruzou a meta en terceira posición.

Na categoría feminina, Estefanía González Rodríguez, de Puebla de Sanabria, subiuse ao máis alto do podio, cun tempo de 46:12. A ourensá Purificación Anegas Fernández (46:29) foi segunda e a viguesa Marta Calvo Serrano (47:02) terceira.

O 27 de febreiro do ano 2000 daba a saída a primeira edición do Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay con 613 corredores. Nesta vixésimo segunda edición, a Vig-Bay contou con máis de 4.000 atletas e xa é a proba popular con maior participación de Galicia.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.